Poio e Pontevedra acollerán o Europeo de Fútbol Gaélico

O certame continental será do 14 ao 19 de xullo.
Alemaña, Italia ou Bretaña, entre outras, competirán coa Galiza. (Foto:AGFG).
photo_camera Alemaña, Italia ou Bretaña, entre outras, competirán coa Galiza. (Foto:AGFG).

A Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) comunicou a disputa na Galiza do Campionato Europeo de Seleccións de Fútbol Gaélico, retomando así a organización dun torneo que tiña previsto disputarse no ano 2020 e que tivo que ser cancelado no seu momento a causa da irrupción da pandemia da Covid-19. Desde o organismo responsábel deste deporte no país tamén informan que o Europeo terá "unha dupla sede", en Poio e en Pontevedra, e que se levará a cabo entre os días 14 e 19 de xullo.

O adiamento do certame continental trouxo consigo unha nova positiva, pois actualmente xa está recoñecido como un evento oficial da Gaelic Games Europe (GGE) e da Gaelic Athletic Association (GAA), o que implica un crecemento exponencial tanto na súa magnitude como na súa relevancia.

Desde a Asociación Galega de Fútbol Gaélico apuntaron a Nós Diario que seleccións nacionais do nivel de Alemaña, Italia, Francia, Bretaña ou Catalunya estarán presentes no Campionato Europeo, mais "aínda quedan equipos por confirmar, porque as inscricións non rematan até finais de abril".

Con respecto ao formato da proba, esta -explican desde a AGFG- estará dividida en dúas categorías, "Championship, que será a máis competitiva, a de máis nivel, e outra chamada Development, na que se retarán as novas seleccións que foron aparecendo e que son máis amateur, nun sistema de dous velocidades para fomentar que os combinados que están arrancando se animen a participar e que non haxa moita diferenza de nivel".

Un regreso moi agardado tras dous anos moi duros

Este campionato será o primeiro gran evento dentro do fútbol gaélico europeo trala pandemia, pois o último foi o Mundial de Irlanda no ano 2019. Para a Asociación Galega de Fútbol Gaélico a súa organización supón "un reto maiúsculo que afianzará a posición da Galiza como unha das potencias europeas".

"Albergando esta edición do Campionato Europeo, a nosa Asociación pretende continuar a senda da expansión do fútbol gaélico na nosa terra", engaden, pois lonxe de pensar en resultados deportivos sobre o terreo de xogo queren centrarse en "contribuír a deixar atrás estes dous anos tan duros para o noso deporte". 

Comentarios