O raid de aventura volve atoparse no mapa

A orientación nunca foi o punto forte do xénero humano, e moito menos desde a popularización dos teléfonos móbiles. Non obstante, hai unha disciplina en auxe que ten a lectura dos mapas como elemento fundamental, algo que combina con actividades como a bicicleta de montaña ou a espeleoloxía: o raid de aventura.

O equipo Keltoi, á vangarda da disciplina na Galiza, xa brilla a nivel internacional (Foto: Guillermo Gutiérrez).
photo_camera O equipo Keltoi, á vangarda da disciplina na Galiza, xa brilla a nivel internacional. (Foto: Guillermo Gutiérrez)

Bíatlon (esquí de fondo e tiro con carabina), tríatlon (natación, ciclismo e carreira a pé), péntatlon moderno (tiro deportivo, esgrima, natación, salto ecuestre e carreira campo a través) ou décatlon (100 metros lisos, 110 obstáculos, salto de lonxitude, salto de altura, pértega, lanzamento de peso, xavelina, disco, 400 metros e 1.500 metros) son disciplinas que combinan en si mesmas a práctica de distintas modalidades deportivas moi diferentes entre si.

Porén, ningunha delas alcanza a variedade e o nivel de desafío que ofrece o raid de aventura, máis coñecido en inglés como adventure race. Así o defende para Nós Diario un dos seus practicantes máis senlleiros no país, Juan Carlos Vázquez, quen leva desde 2005 no mundiño. 'Calín', como é máis coñecido, explica que o raid de aventura é "un deporte que abrangue un gran conglomerado de disciplinas, como a bicicleta de montaña, o trekking, camiñar, piragüismo, espeleoloxía, rápel e, especialmente, a orientación.

Precisamente esta é a denominación que adquire a Federación Galega da modalidade, que con datos correspondentes ao ano 2019 era a que tiña máis persoas federadas no conxunto do Estado, cun total de 3.202, moi por diante de Euskadi (2.461), Murcia (2.301) e Madrid (1.965). 

Con todo, e como en tantos outros eidos da vida, a pandemia da Covid-19 afectou o boom que estaban vivindo nos exercicios anteriores á súa emerxencia, estando desde entón "un pouco parada a cousa, ao contrario do que acontece a nivel internacional", afirma.

Triunfos internacionais

O Circuíto Mundial de Carreiras de Aventura (Adventure Race World Series), que enfronta os e as mellores especialistas do planeta, viuse sacudido no seu último certame, disputado este xuño en Colombia, polo gran papel desempeñado polo equipo galego Keltoi, que integran o propio Vázquez, Marcos Varela, Felipe Peña e Mariana Pontes.

A súa terceira posición final foi "toda unha sorpresa" mesmo para a organización e os seus propios rivais, apuntando con ese resultado un optimismo de cara ao futuro que aumentaron as medallas obtidas por Alan Sardinero, Xoel Chamorro, Javier Liz e Teresa Bellón na Vigo City Race -integrada no programa Euro Tour- que se desenvolveu recentemente en Vigo.

Comentarios