Comeza a tempada de raid na Galiza

O municipio de Brión acolleu a primeira proba de resistencia hípica esta pasada fin de semana. O Campionato Galego de Raid continuará nos municipios de Padrón, A Estrada, Baralla, Cuntis, Tui e Outes. 
Participantes na primeira proba de raid da tempada nos montes de Rañalonga, en Brión (Foto: FGH).
photo_camera Participantes na primeira proba de raid da tempada nos montes de Rañalonga, en Brión. (Foto: FGH)

O enduro ecuestre, ou raid como se lle denomina habitualmente, é a disciplina máis dura que existe dentro da experiencia hípica. Na Galiza leva máis de vinte anos practicándose e cada vez ten máis acollida entre as persoas vencelladas ao mundo dos cabalos. Porén, é pouco coñecida polas dificultades de acceso do público para seguir as competicións, que teñen lugar no monte, e a falta de premios en metálico.

Na pasada fin de semana comezou en Brión unha nova tempada no Campionato Galego de Raid, a segunda vez que decorre nesta localidade da comarca de Compostela. No monte de Rañalonga quedaron nos primeiros postos Rocío Díaz Cortón, Ada  García e Marcos Puga.

Após a cita, esta modalidade estará nos municipios de Padrón, comarca do Sar (1 de marzo); A Estrada, na Terra de Montes (6, 7 e 8 de marzo); Baralla, nos Ancares (1 de xullo); Cuntis, comarca de Caldas (20 de agosto); Tui, no Baixo Miño (24 de setembro); e Outes, comarca de Noia (22 de outubro). 

Velocidade e resistencia

No raid ponse a proba a velocidade, a habilidade e a resistencia física e psicolóxica de cabalo e amazona ou xinete, ao ter ambos os dous que percorrer grandes distancias nun día, a través dos máis diversos terreos e contra o tempo.

O vocal de Raid da Federación Galega de Hípica, Javier Bouzas Moraña, explica a Nós Diario que para prepararse “os cabalos precisan un ano bo de adestramento para comezar a competir, teñen que ser atletas”. Desde a federación  indican que todos os cabalos que corren de maneira forte na Galiza pasan o día soltos, en grandes prados fechados e mesmo en mandas. 

Control veterinario

As probas están divididas por etapas e entre elas hai 20 minutos de descanso, onde se toman as pulsacións do cabalo, para saber se este pode seguir coa proba ou non. “No caso de que non estean correctas, cabalo e xinete quedan eliminados”, asegura o vocal da Federación.

O percorrido é moi variado, con varios tipos de chan e obstáculos naturais. Ao final de cada fase os cabalos son inspeccionados por veterinarios que, de non mediar ningún problema médico, darán a autorización para continuar en carreira. A amazona ou o xinete deben ter a capacidade de dosificar o esforzo do seu cabalo e levar un ritmo adecuado durante a proba. “Cando remata, para que sexa válida a participación, o cabalo ten que estar nas mesmas condicións coas que a comezou”, apunta Bouzas. 

De 40 a 120 quilómetros

Na Galiza teñen lugar probas con distancias de 40, 60 e 80 quilómetros, cunha velocidade mínima de 9 km/hora e unha máxima de entre 15 km/hora e 16 km/hora, que son clasificatorias para participar nas de velocidade libre, con distancias que teñen percorridos de 100, 120 e 160 quilómetros. 

Bouzas sinala que na Galiza contan coas primeiras cinco categorías, até 120 quilómetros, a distancia “que terán que percorrer aquí no Campionato de España Júnior para entrar na listaxe de participantes do Campionato Europeo”. 

Nesta modalidade, a Galiza conta cun número importante de figuras de recoñecido nivel. Entre elas está o adestrador de Escairón, Jonathan Ferreiro, e o xuíz Fernando Carrillo, que leva anos participando en campionatos mundiais. Competindo salientan as amazonas Pilar Cortón, Rocío Díaz, Lourdes López e Ada García. Entre os xinetes, Marcos Puga.

O Raid galego actual conta cunha boa canteira

Javier Bouzas Moraña, coñece ben esta modalidade e cre que ten futuro polo bo traballo que se fai. "Contamos con figuras que comezaron na base, como Rocío Diaz, que gañou o anterior Campionato galego, e leva dous xa". Explica que esta amazona comezou con 10 anos seguindo a tradición familiar e a partir dos 14 coas modalidades libres. "Desde os 14 até os 21 anos son júniors, este será o seu último ano nesta categoría".

Comentarios