O Rácing de Ferrol, único que recibirá carbón do Apalpador

Bos resultados para os equipos galegos, con excepción ferrolá, na última xornada de 2022
Após gañar o poderoso Granada, o Lugo agarda cun sorriso por un 2023 no que agarda salvarse de novo. (Foto: LFP).
photo_camera Após gañar o poderoso Granada, o Lugo agarda cun sorriso por un 2023 no que agarda salvarse de novo. (Foto: LFP).

Baixa o pano do ano futbolístico 2022, que dixo adeus cunha xornada moi favorábel aos intereses dos equipos galegos, tanto, que o Pontevedra comerá as uvas fóra dos postos de descenso e o Lugo case poderá facer o propio, pois está empatado a puntos (21) co Rácing de Santander, equipo que estabelece o limiar da salvación. 

A escuadra albivermella estaba obrigada a gañar se non quería afundirse, quen sabe se case definitivamente, nun pozo no que leva sumido practicamente toda a tempada, e así o fixo. Impúxose por 1-0 ao conxunto con maior límite salarial da categoría de prata cun golazo de Manu Loureiro aos 13 minutos. Desde entón, o preparador do Club Deportivo Lugo, Fran Justo, adoptou unha estratexia ultradefensiva que non modificou nin sequera tras a expulsión do nazarí Rubio, renunciando a atacar e centrándose nunha defensa chave para sumar tres puntos que fan encarar o novo ano con outra cara.

O Rácing impide o pleno galego en Primeira RFEF

Un chanzo máis abaixo, os equipos galegos, coa única excepción do Rácing, contaron os seus partidos por vitorias. E iso que, no caso concreto do Real Club Deportivo, asinou unha actuación nefasta na casa do Ceuta, o que non foi óbice para que lograra un triunfo pola mínima (1-2) que consolida os branquiazuis nos postos de play-off. O seu técnico, Óscar Cano, escusouse sinalando que os seus homes estaban "lastrados por un virus estomacal".

Na zona nobre tamén recibirá o 2023 o Rácing de Ferrol, a pesar de caer derrotado 1-2 cunha Agrupación Deportiva Alcorcón que, con eses tres puntos, empata no liderado cun Córdoba que volveu perder. Porén, e xa a sete puntos, axexa un Celta B que confirma que vai de menos a máis logo de golear Unionistas en Salamanca por 0-3. 

O último dos representantes da Galiza na categoría de bronce, o Pontevedra, volve fuxir dun descenso co que leva coqueteando case toda a tempada logo de vencer o Alxeciras en Andalucía (0-2).

O Dépor cede o liderado

A única escuadra galega na Primeira Feminina, o Deportivo, cedeu o liderado que ocupaba até esta fin de semana logo dun empate que non reflicte a superioridade herculina sobre un Juan Grande Ginelux que anulou o tanto inicial de Ainhoa Martín no minuto 11 empatando no 77.

Comentarios