PREVIA SEGUNDA DIVISIÓN E PRIMEIRA FEDERACIÓN

O Rácing pon a proba o seu invicto co Vilarreal B

Coa Primeira División en 'stand-by' a causa da parada imposta polos compromisos das seleccións nacionais -con partidos moi atractivos como o Ucraína-Inglaterra de hoxe ou o Irlanda-Países Baixos de mañá-, toda a atención no fútbol masculino galego será para os equipos da Segunda e a Primeira Federación.
A experiencia do veterano Héber Pena volverá ser un dos factores aos que recorra Cristóbal Parralo se o partido se complica. (Foto: LFP).
photo_camera A experiencia do veterano Héber Pena volverá ser un dos factores aos que recorra Cristóbal Parralo se o partido se complica. (Foto: LFP).

Segunda División, tempada 2023/24. Un Rácing de Ferrol que vén de superar unha travesía no deserto de 15 anos fóra do fútbol profesional abre bocas durante as catro primeiras xornadas obtendo dous triunfos e dous empates, sendo, xunto con Levante, Zaragoza e Espanyol -os tres grandes favoritos a lograr o ascenso á Primeira- o único que conserva o seu invicto a estas alturas de campionato.

O próximo conxunto en intentar arrebatarlle a imbatibilidade a un Rácing que só perdeu tres partidos, todos eles como visitante, no que vai de 2023 -ante o Celta B en xaneiro, co Mérida en abril e ante o Amorebieta na intranscendente final de campións de grupos da Primeira Federación en xuño- será o imprevisíbel filial do Vilarreal (A Malata, mañá, 16.15 horas).

Os rapaces dirixidos polo veterano Miguel Álvarez están defraudando neste comezo de Liga, perdendo todos os seus choques menos un. O preparador do mini Submarino Amarelo entregou o favoritismo á escuadra departamental, indicando en rolda de prensa que diante terán un "moi bo equipo que conserva a columna vertebral que logrou o ascenso, cun gran adestrador e xogando nun campo moi difícil como é A Malata".

O Lugo busca recuperar a senda da vitoria en Madrid

Baixando á terceira categoría, o Club Deportivo Lugo aspira a recuperar a senda da vitoria no sur de Madrid, concretamente ás 12 horas de mañá, cando saltará ao céspede do Fernando Torres para calibrar a magnitude da crise do Fuenlabrada, que saíu derrotado dos dous partidos que disputou.

O tropezo no derbi da pasada fin de semana ante o Deportivo provocou que o Lugo perdese 13 postos na clasificación, polo que, tal e como declarou o seu técnico, Pedro Munitis, os futbolistas albivermellos están obrigados a "buscar a súa mellor versión" e "traballar ben as expectativas para non caer na frustración". 

Por outra parte, o cántabro, que non quixo facilitar pistas sobre o posíbel once polo que optará, manifestou a súa preocupación polo estado do terreo de xogo: "Teño moitas dúbidas sobre que nos imos atopar, pois vin o último choque pola televisión e daba a impresión de que non estaba no seu mellor momento, o que, loxicamente, condicionará o xogo".

A ausencia de Yeremay lastrará o Deportivo

O novo Deportivo de Imanol Idiakez, que estaba deixando unha gran imaxe neste comezo de tempada, encara o desafío de manter o nivel sen un dos seus xogadores máis diferenciais, Yeremay, baixa as próximas oito semanas por unha fractura no peroné da perna dereita.

O primeiro partido que se perderá o atacante canario será o Dépor-Teruel de mañá (Riazor, 19.30 horas). "[A lesión de Yeremay Hernández] É unha auténtica mágoa para nós e para o fútbol, porque é deses xogadores polos que a xente paga un boleto, así que por suposto que ten impacto a súa baixa, pero temos que adaptarnos para que a súa ausencia se note o menos posíbel", recoñeceu o vasco.

Con respecto ao seu rival, Imanol Idiakez manifestou que o Teruel será un "equipo difícil", e mostrou a súa preocupación por unhas arbitraxes que, desde a cidade herculina, consideran que veñen prexudicando o desempeño do equipo.

Celta Fortuna e Arenteiro, a repetir triunfos

Os outros dous conxuntos da Galiza na Primeira Federación, Celta Fortuna e Arenteiro, serán os primeiros en entrar en acción, ambos no día de hoxe, e co común obxectivo de repetir os triunfos da última xornada, nesta ocasión ante Cornellá (Balaídos, 21.30 horas) e Osasuna B (Instalacións Deportivas de Taxonar, tamén ás 21.30), respectivamente.

Comentarios