domingo 07/03/21
Presidente da Escola Basket Xiria

Primitivo Reguera: "Igual que hai empresas que fechan, haberá clubes que morran nesta crise"

O de Primitivo Reguera (Carballo, 1976) é un caso de fidelidade a unhas cores, pois desde xullo de 2020 ocupa a presidencia dunha entidade na que deu os seus primeiros pasos no baloncesto, cando era tan só un cativo de 12 anos, o que simboliza o espírito formativo e de base que segue a caracterizar á Escola Basket Xiria.
Reguera é o máximo mandatario da entidade desde 2020. (Foto: Escola Basket Xiria).
Reguera é o máximo mandatario da entidade desde 2020. (Foto: Escola Basket Xiria).

—Parafraseando o lema do Barcelona, equivócome se digo que a Escola Basket Xiria é 'máis que un clube'?

Por suposto que o é. Para moita xente que nacemos nela, que a vivimos, a mamamos desde pequenos e medramos con ela, representa parte da nosa vida, unha ilusión que nos motiva para devolverlle un pouquiño de todo o que nos deu. Sinto un respecto enorme por todas as persoas que me precederon, como Gema Paz, que foi a nosa primeira presidenta e tamén a única muller que dirixía unha entidade deportiva por aquela época. Tamén por  Carlos Puga e, en xeral, todas as que nos deron a oportunidade de poder xogar, de aprender un deporte e de que ese deporte pasase a formar parte das nosas vidas.

—É o deporte de base a esencia mesma da súa entidade?

Claro, porque nós somos un clube de base, de pobo. O Xiria naceu como unha oportunidade para os nenos e nenas, para que puidesen facer deporte cando non había nada, xa na época da Asociación Deportiva Xiria e tamén desde que en 2006 se creou a entidade xa separada que somos agora. Loitamos día a día por espallar este deporte: estivemos uns anos en Santa Comba, nos que non logramos consolidar; tamén na Laracha, que non tiña baloncesto e creámoslle unhas escolas deportivas e fixemos revivir o Clube Baloncesto Laracha; seguimos en Ponteceso... e se non fose pola Covid-19 seguramente estariamos nun ou dous concellos máis, porque estaba falado, pero coa situación actual decidimos agardar a tempos mellores. O nome de Xiria Carballo xa é sinónimo de traballo e de deporte de base.

—Perderon moitas persoas, especialmente rapaces e rapazas da base, desde que comezou a pandemia?

Levamos varios anos con aproximadamente 170 licenzas, pero sempre hai un número determinado de altas e tamén de baixas. Agora, unha vez que fechemos os equipos de base, faremos a estatística, pero haberá unha porcentaxe que pode andar arredor de 15% que se perde. Porén, non se perde definitivamente, pois hai xente que segue tendo bastante medo, cousa que respectamos, pero din que volverán cando todo isto pase. Sabemos que a tempada será toda así, pero nós temos que tirar para adiante, sempre coas máximas medidas de seguridade, respectando os protocolos... pois non podemos deixar de facer a actividade. O primeiro está claro que é a saúde, pero hai estudos que din que os menores índices de afectacións se dan no deporte.

—Se non teño mal os datos, as primeiras competicións nas que participaron os seus equipos foron a mediados do mes de outubro e foi coa máscara posta. Coa perspectiva que dan estes tres meses, como está sendo a experiencia de adestrar e, sobre todo, competir con máscara?

De entrada custa un pouquiño. Foron probando distintos tipos de máscara, a sanitaria é moi incómoda porque se humedece moito, así que unhas úsana de neopreno, outras a téxtil, outras a FFP2... cada persoa adáptase ás normas sanitarias como mellor e máis cómodo lle resulte, porque quen é distinta. E si que é certo que lles custa máis xogar, nótase en que o ritmo cardíaco aumenta e teñen dificultades na respiración, así que fanse maiores rotacións e estabelécense unha serie de descansos no medio dos partidos. 

—Unha das principais queixas das responsábeis de clubes de distintos deportes son os problemas a nivel económico que lles está a xerar toda esta situación de incerteza constante na que estamos instalados. Como se atopa este eido na Escola Basket Xiria? Corre perigo a viabilidade do clube se a situación se prolonga no tempo?

O noso cobro de boletos nos partidos de EBA era moi pequeno, porque case todo o público é socio, e a diferenza dos clubes de fútbol, por exemplo, non temos cantina no pavillón. Onde están os problemas? En que hai que destinar unha partida moi grande para gastos Covid: temos que pagar entre 18 e 20 tests de antíxenos todas as semanas, que nós a maiores tamén facemos os adestradores e adestradoras de todas as categorías, para maior tranquilidade das familias. Logo hai que mercar xel hidroalcóholico, desinfectantes, máscaras... todo isto representa un gasto que vai superar os 5.000 euros, moitísimo para un clube como o noso. Pero o peor non é iso, senón a incerteza dos patrocinadores. O pequeno comercio que nos apoia non lle imos pedir máis, porque están pasando tamén unha situación moi complicada. Como lle vas pedir a un local de hostalaría que che dea algo, aínda que sexan só 50 ou 100 euros? Apañámonos co que temos, e polo tanto temos que facer recortes, pero en que? Non se pode facer na Seguridade Social, nas nóminas dos adestradores e adestradoras ou nos pagos á Federación. Porque esa é outra, a Federación fixo unha tímida rebaixa que non nos soluciona nada. Se o vindeiro ano non nos alivian as cotas economicamente, igual que hai empresas que fechan, que quedan polo camiño, haberá clubes deportivos que van fechar, xa non só no baloncesto, senón en xeral... Veremos cantos dos equipos de fútbol que non están xogando agora retoman a actividade o ano que vén.

comentarios