A Primeira Federación terá unha distribución norte-sur

Satisfacción entre os catro equipos galegos
O Grupo '1' reúne a todos os conxuntos do norte peninsular. (Foto: RFEF).
photo_camera O Grupo '1' reúne a todos os conxuntos do norte peninsular. (Foto: RFEF).

Suspiros de alivio entre Real Club Deportivo da Coruña, Club Deportivo Lugo, Real Club Celta B e Club Deportivo Arenteiro, os catro equipos da Galiza que militarán a próxima tempada 2023/24 na terceira categoría do fútbol estatal.

A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) anunciou na xornada de onte, logo da súa Xunta Directiva anual, que a disposicións dos equipos nos dous grupos que conforman a Primeira Federación adoptará unha configuración "norte-sur", polo que os conxuntos da Galiza non terán que, como se temían, afrontar continuas e longas viaxes ao sur do Estado para xogar contra as numerosas escuadras da zona.

O ente dirixido polo polémico Luís Rubiales confirmou, ademais, que o sistema de competición volverá estabelecerse a través de dous grupos de 20 equipos cada un, en formato ligueiro de ida e volta con senllos postos de ascenso directo reservados para os campións, repartíndose os dous boletos restantes á Segunda División a través dun play-off.

Deste modo, xunto con Dépor, Lugo, Celta B e Arenteiro, o Grupo '1' estará integrado pola veciña Ponferradina, Cultural Leonesa e Unionistas de Salamanca. Desde Madrid emerxen o Fuenlabrada e o Raio Maxadahonda. En Euskal Herria figuran o filial do Osasuna e a Real Sociedade, os históricos Real Unión de Irún e Sestao e a Sociedade Deportiva Logroñés. Os dous únicos representantes de Aragón serán o Teruel e o Tarazona, completando o grupo os cataláns Barça B, Nàstic de Tarragona, Cornellà e Sabadell.

Outra vantaxe que trouxo consigo este reparto para uns equipos galegos que disputarán a primeira xornada de Liga na fin de semana do sábado 26 e o domingo 27 de agosto, é que varios dos teóricos 'cocos' da categoría quedaron encadrados no outro grupo, evitando así os recentemente descendidos Málaga e Ibiza, os filiais do Atlético e o Real Madrid, o Murcia, ou o Recreativo de Huelva.

Felicidade tamén na Segunda Federación

Os seis equipos galegos da Segunda Federación (Pontevedra, Compostela, Coruxo, Ourense, Fabril e Vilalbés) xogarán con asturianos, cántabros e catro de Castela nun Grupo '1' que, como o seu homólogo da categoría superior, tamén inclúe só conxuntos do norte peninsular.

Comentarios