Unha noite de suspense acaba coa chegada de Joselu ao Dépor

Como nos mellores momentos da época Lendoiro, o Deportivo paseou polo gume da navalla até esgotar praticamente o prazo para o fecho do mercado das fichaxes. A sorpresa chegou nas últimas horas: Joselu e non Álvaro Vázquez é o reforzo para a dianteira.

Joselu
photo_camera Joselu celebra un gol no Stoke.

Álvaro Vázquez xa pasara o recoñecimento médico e a operación estaba pendente só da asinatura do contrato, mais o dianteiro de Badalona recebeu unha chamada do seu primeiro clube, o Espanyol, premido polo seu adestrador, Quique Sánchez Flores. Aí acabou todo para o Deportivo.

A Praza de Pontevedra, sede do clube, virou entón nun fervedoiro de chamadas. Richard Moar, o secretario técnico, puxo outravolta os ollos na Premier e nun futbolista, Joselu, xogador da selección galega, nado na emigración en Alemaña, mais criado en Silleda. Dianteiro de grande envergadura (1,91 metros, 77 quilos), especialmente dotado para o xogo aéreo. O Stoke City dixo que si. Joselu vén emprestado por unha temporada, mais sen opción de compra. Xa pisou Riazor este ano: foi no amigábel de Galiza contra Venezuela, no retorno da irmandiña, e deixou boas sensacións.

Esta temporada non contaba para o seu treinador, Mark Hugues, o que facilita a súa cesión ao Deportivo

Joselu formouse na canteira do Celta e coa camisola celeste debutou na Primeira División, na temporada 2008-2009. Internacional sub-21, axiña chamou a atención do Real Madrid, que o enrolou para o seu filial. Chegou a debutar na primeira equipa, mais a súa aparición no Bernabéu foi efémera: só disputou minutos nun partido (un 8-1 contra o Almeria). Tivo, iso si, a oportunidade de marcar un gol.

Na temporada 2012-2013 voltou a Alemaña, desta volta como emigrante de luxo, a viver unha aventura deportiva que consecutivamente o levou polo Hoffenheim, o Eintracht de Frankfurt e o Hannover 96. Os seus números na liga teutona foron moi aceitábeis, así que recibiu unha chamada -8 millóns de euros- da Premier. Unha oferta imposíbel de rexeitar.

No Stoke City, porén, o seu rendimento foi irregular. Apenas disputou 22 xogos, apenas 10 como titular, e só anotou 4 goles. Esta temporada non contaba para o seu treinador, Mark Hugues, o que facilita a súa cesión ao Deportivo. Contodo, o Stoke debe confiar nel máis do que o seu técnico, pois o empréstimo é sen opción de compra.

O Deportivo non ten que facer ningún desembolso en conceito de traspaso do futbolista.

A operación rexistouse á beira do fecho do mercado, todo un remake das negociacións in extremis da época Lendoiro.

Comentarios