Atletismo

Así será o Estatal de Atletismo de Pista Curta de Ourense

Ana Peleteiro, Adrián Ben, Belén Toimil e Saleta Fernández, principais candidatas galegas a gañar o ouro.
Adrián Ben terá moita competencia para facerse co ouro nos 800 metros. (Foto: RFEA).
photo_camera Adrián Ben terá moita competencia para facerse co ouro nos 800 metros. (Foto: RFEA).

As carpideiras están de parabéns, pois apenas 48 horas despois do enterro da sardiña, que puxo fin oficial ao Entroido 2024, a alegría e a festa volve a Ourense grazas ao Campionato de España de Atletismo en Pista Curta, a nova forma en que a Federación Internacional denomina as probas anteriormente coñecidas como "de pista cuberta".

Nesta ocasión, logo das exitosas experiencias de 2020 e 2022 o torneo volve ao sintético de,Expourense, o recinto ao sur da Cidade das Burgas inaugurado no ano 2017 e onde se agarda que até 30.000 persoas asistan en vivo ao longo dos tres días que se prolongue un certame que arrancará tan cedo como esta sexta feira e baixará o pano o domingo, día 18 de febreiro. 

Segundo explicou a Real Federación Española de Atletismo (RFEA) nun comunicado, nesta ocasión rexistrou un total de 532 inscricións correspondentes a 516 competidoras distintas (266 homes e outras tantas mulleres), xa que algunhas participarán en dúas probas.  

O número de galegos e galegas neste Estatal de Pista Curta ascende a 36, representando a sétima comitiva con maior número de membros, por detrás de Euskadi (39), Andalucía (48), Castela e León (52), País Valenciano (56), Madrid (76) e Catalunya (89).

Numerosas opcións de medalla para a Galiza

Os obxectivos desa delegación galega son do máis variado, pero moitos nomes importantes aspirarán a lograr un metal e, por que non, o de ouro. Así, a xa tres veces campioa Belén Toimil buscará na casa o seu cuarto título consecutivo no lanzamento de peso sabendo que, ademais, ten posibilidades reais de lograr un premio duplo se consegue rachar por fin co récord do certame, que ostenta Martina De la Puente desde 1996, cando enviou o artefacto até os 17,94 metros.

Outro ouro practicamente asegurado, polo menos sobre o papel, é o de Ana Peleteiro no triplo salto. A de Ribeira é, quizais, a maior atracción desta edición do Campionato de España -que gañou por vez primeira hai 10 anos, en 2014-, pois continúa sumida na súa desesperada loita por obter a mínima olímpica que lle permita estar este verán nos Xogos de París, onde desexa defender o bronce que logrou en Toquio no ano 2021.

Non tan clara semella a vitoria de Adrián Ben nos 800 metros lisos, pois nunha proba cun nivel estratosférico o vixente campión de Europa de pista cuberta deberá imporse ao campión do Mundo ao aire libre (Mariano García); ao medalla de bronce mundial e actual campión de España (Saúl Ordoñez); a un ex campión de Europa (Álvaro de Arriba) e ao líder do ano a nivel de marcas (Mohamed Attaoui).

Completa o abanico de candidatas galegas a subir ao máis alto do caixón Saleta Fernández no concurso de altura, que coroaría así un inicio de 2024 do máis positivo, xa que a de Monforte vén de saltar 1,84 metros, que a sitúan como favorita para reconquistar un título que gañou en 2022 e que tratará de arrebatarlle á vencedora de 2023, Una Stancev.

Ademais, cabe mencionar a presenza no tartán de Expourense de atletas do nivel Xiana Lago no lanzamento de peso; Leticia Gil na lonxitude; a novísima Manuela Blanco na pértega, sendo a única deportista de Ourense cidade na competición; Pedro Ossorio, Elián Numa e María Fernández nos 800 metros; Pedro Bocelo, Eva Piñel, Amparo Coredoira, Sabela Martínez, Hassan Izzadine e Hugo García na proba raíña, o 1.500; ou El Mehdi El Nabaoui nos 3.000 metros, entre outras.

Con respecto aos horarios, o Estatal de Pista Curta arrancará ás 15 horas da sexta feira cos 60 metros do héptatlon, gran protagonista da xornada inaugural xunto co péntatlon e as series eliminatorias dos 200 metros lisos masculinos e femininos, baixando o pano ás 20.50 coa cerimonia de entrega de medallas do pentátlon feminino. Xa o sábado, día sábado, a acción desenvolverase desde primeira hora da mañá (10 horas) até ben entrada a noite (21.15), mentres que o domingo concentrarase só na quenda de mañá.

Comentarios