Baloncesto

A PREVIA | O Breogán aspira a estender o seu soño europeo a costa do alemán Telekom

A formación lucense aspira a estender o conto de fadas europeo a costa da vixente campioa.
Mršic quere recuperar o sorriso. (Foto: C.Castro/ACB).
photo_camera Mršic quere recuperar o sorriso. (Foto: C. Castro / ACB).

Nunca choveu que non escampara. Ou eso din, pois o ceo non semella dar tregua en cuestión de chuvias. Non obstante, o deporte é máis clemente que o deus Tlaloc, e os raios de sol poden aparecer en calquera momento, ou mellor dito, en calquera partido.

A esa esperanza quere asirse o Leite Río Breogán, que a pesar de levar o todopoderoso Fútbol Club Barcelona até o seu límite na última xornada ligueira perdeu de novo, sumando así a súa sétima derrota nos oito primeiros encontros da ACB, que outorgan á formación da cidade da Muralla a dubidosa honra de ser o fechacancelas da Liga.

Pero na Champions League cambia o conto. No seu único partido até o de agora -o seu segundo compromiso, ante o Hapoel Holon israelí, foi adiado a causa da conflitividade na zona- os pupilos de Veljko Mršić pasaron por enriba dos turcos do Bursaspor Info Yatirim por un resultado de 68-48.

Agora, o Breogán quere dar continuidade ao seu conto de fadas continental nin máis nin menos que fronte o vixente campión da competición, o Telekom Baskets Bonn  de Alemaña, un club que tampouco chega no seu mellor estado de forma, pois vén de perder os seus últimos dous choques na Bundesliga. 

O duelo xermano-galego disputarase ás 20 horas da cuarta feira no Telekom Dome de Bonn, a onde viaxou con dúas novidades na expedición, xa recuperados das súas respectivas lesións que lles impediron axudar os seus compañeiros nas recentes datas: Polite e Sergi García. 

Mršić, en rolda de prensa logo da conclusión do derradeiro adestramento preparatorio en Lugo na mañá de onte, sinalou que cada partido representa para eles "unha oportunidade" para recupera a senda da vitoria, tendo este, ademais, o plus de permitirlles "levar o nome de Lugo, da Galiza, a Alemaña".

Comentarios