Baloncesto

O Breogán regresa a Europa contra o Bursaspor turco

O anhelado regreso a Europa, desafortunadamente, non chega nun bo momento para o combinado dirixido por Veljko Mršić.
A afección será vital para o éxito. (Foto: Breogán)
photo_camera A afección será vital para o éxito. (Foto: Breogán)

O Leite Río Breogán aparca momentaneamente a Liga ACB para mover o foco a Europa, pois debutará hoxe (Pazo dos Deportes de Lugo, 20.30 horas) na Basketball Champions League.

Este encontro supón o regreso da escuadra celeste a unha competición continental, case 40 anos despois de que os Manel Sánchez, Juanfra Garrido, Jim Wright e compañía disputaran a Copa Korać 1985/86.

O anhelado regreso a Europa, desafortunadamente, non chega nun bo momento para o combinado dirixido por Veljko Mršić, pois dos seus tres últimos partidos perdeu dous na prórroga e o terceiro no último minuto.

Non obstante, o preparador croata quere cambiar de chip, e para iso fixo un chamamento á afección na rolda de prensa previa ao partido: "O equipo ten un soño, como Lugo. Temos construída unha muralla moi boa, estamos defendendo ben e agora o que temos que intentar é saír da nosa muralla e ter guerreiros que intenten atacar os do outro lado para que no ataque exhibamos a mesma identidade que na defensa".

Con respecto ao seu rival, o Frutti Extra Bursaspor de Turquía, o Breogán faría mal en infravaloralo, pois o otomán é un conxunto curtido en mil batallas que a pasada campaña puxo contra as cordas o Gran Canaria na Eurocup e que conta cun moi potente xogo interior.

Comentarios