Fútbol | 1ª División

A PREVIA | O Celta, contra a historia en Mestalla

Os celestes hai sete anos que non superan os oitavos de Copa.
A actuación do grego Tasos Douvikas, actual 'Pichichi' do torneo do KO, promete volver ser chave no resultado final dos olívicos.  (Foto: Europa Press).
photo_camera A actuación do grego Tasos Douvikas, actual 'Pichichi' do torneo do KO, promete volver ser chave no resultado final dos olívicos. (Foto: Europa Press).

Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Roncaglia, Cabral, Jonny Otto; Marcelo Díaz, Radoja, Daniel Wass, Tucu Hernández, Theo Bongonda; Iago Aspas. O adestrador, Eduardo Berizzo, determinou que tamén xogaran partindo desde o banco dos suplentes John Ghidetti, Pape Cheikh e Pione Sisto. Fermoso, eh?

Con este equipo, hai pouco máis de sete anos, o 3 de xaneiro de 2017, o Real Club Celta goleaba o Valencia en Mestalla por un tanto a catro e deixaba practicamente fechado o seu pase aos cuartos de final da Copa do Rei, algo que lograría dúas semanas despois, cando volveu pasar por enriba do conxunto ché, nesta ocasión en Balaídos e por dous a un.

Foi a última vez até a actualidade na que a escuadra celeste logrou coarse entre os oito mellores do torneo do KO, un viacrucis copeiro que trouxo consigo resultados tan dolorosos como o 5-0 a mans do Barcelona un ano despois ou as eliminacións nas fases iniciais ante rivais tan modestos como Mirandés, Ibiza ou Atlético Baleares.

Hoxe, a partir das 20 horas da tarde e co dianteiro de Moaña como único sobrevivente daquela xesta levantina de 2017, o Celta encara uns oitavos de final de Copa que agora se disputan a partido único e que a sorte -ou, mellor dito, a falta dela- quixo que se leven a cabo no fogar do Valencia, o estadio de Mestalla, e non nun Balaídos que non asiste a un encontro dos olívicos como locais nesa competición desde a visita da Real Sociedade o Día de Defuntos de 2018.

Coa esperanza de obter un triunfo que lles permita volver ver os seus de novo na casa, a afección, como recoñece para Nós Diario o presidente da Federación de Peñas Celtistas, José Méndez, agarda "con moita ilusión" o encontro. 

"A Copa representa a forma máis doada de conseguir un título en España, pois temos tres finais perdidas, e o Valencia é un rival ao que se lle pode competir a pesar de xogar alí e de que o que deba prevalecer sexa a Liga, onde estamos no pozo e pode suceder calquera desgraza que debemos evitar", explica Méndez, quen reclama que "de caer eliminados, polo menos, que sexa con actitude". 

Un duelo moi aberto

Desafortunadamente, o momento para repetir o conto de hai sete anos non podería ser peor, pois o Valencia chega no seu mellor estado de forma da tempada, como acredita o feito de que superou con vitoria os seus tres compromisos máis recentes, algo que non lograba desde decembro de 2021, cando gañou a Levante, Elxe... e Celta.

Non obstante, os pupilos dunha lenda valencianista como é Rafa Benítez tamén están instalados nunha dinámica positiva, e se ben o xogo pode non ser tan vistoso como esixen algúns nostálxicos dese fútbol de salón da era Berizzo, desde finais de outubro pasado só caeu en dúas ocasións, nun tolo choque co Athletic que rematou 4-3 e co Vilarreal (3-2).

Fronte o seu contrincante de hoxe, con quen mediu forzas o 25 de novembro, asinou un empate sen goles pese a que os galegos dispuxeron de máis oportunidades, pero as previsíbeis rotacións de futbolistas fan que este antecedente sexa papel mollado ante os cambios que un e outro adestrador introducirán nos seus esquemas. 

Nos de Benítez o principal é o regreso á titularidade de Tasos Douvikas. Condenado a un rol secundario na Liga, o grego semella empeñado en reivindicarse na Copa, onde é o máximo realizador con catro dianas.

Rafa Benítez insiste en que intentarán "pasar de rolda"

O adestrador do Celta, Rafa Benítez, ofreceu onte unha rolda de prensa anterior ao derradeiro adestramento antes de pór rumbo á cidade do Turia. O madrileño recoñeceu que agarda un "partido moi difícil" dado o "bo momento" no que está instalado o Valencia e por contar "con todo un estadio detrás" apoiándoos. Con todo, o preparador celeste defendeu que conta con xogadores "con experiencia" que serán "competitivos" en Mestalla, polo que intentarán "pasar á seguinte rolda".

Comentarios