Fútbol

O Valencia desafía o soño copeiro do Celta

Os oitavos do torneo do KO disputaranse en Mestalla a partido único.
Valencia-Celta este ano, en Mestalla. (Foto: AFP7 / Europa Press)
photo_camera Valencia-Celta este ano, en Mestalla. (Foto: AFP7 / Europa Press)

A sorte non estivo do lado do Real Club Celta de Vigo nun sorteo de oitavos de final da Copa do Rei que se desenvolveu no serán desta segunda feira na madrileña sede da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), pois deparou que teña que enfrontarse con todo un Valencia, oito veces campión do torneo do KO, a partido único na cidade do Turia.

A data e a hora do encontro aínda están por confirmar, máis desde o organismo presidido interinamente por Pedro Rocha apuntaron que será entre os días 16 e 18 de xaneiro, é dicir, na próxima semana. Con todo, a escuadra de Mestalla non debería ser un obstáculo infranqueábel para este Celta, e moito menos na súa actual versión. Instalados nunha perenne crise institucional desde a súa adquisición por parte do singapurense Peter Lim hai xa dez anos, esta trasladouse ao verde, estando a piques de descender a Segunda a pasada tempada.

Non obstante, e pese a que na actual campaña dá a impresión de que corrixiu o rumbo, como ratifica a súa novena posición na táboa ligueira, o ché é un conxunto moi novo —a maioría dos seus principais activos, casos de Hugo Duro, Diego López, Fran Pérez ou Javi Guerra, non chegan aos 25 anos de idade— capaz do mellor...e do peor.

Esa cara negativa amosouna a pasada fin de semana, cando sufriu en extremo para superar a rolda de dezaseisavos de final contra o Cartaxena, fechacancelas de Segunda División, ante o que necesitou un tanto dun dos veteranos, Gayá, no minuto 107 para eliminalo.

Este duelo revelou a principal debilidade do Valencia, algo do que Benítez e o seu equipo de seguro tomaron boa nota: a falta de fondo de armario. Se no Celta a contribución dos suplentes é un dos seus puntos fortes —Douvikas, Miguel Rodríguez ou Iván Villar están brillando nas oportunidades que lles concede a Copa—, os reservas do seu rival en oitavos semellan non estar á altura.

Ademais, a historia tamén parece querer facer un chamamento ao optimismo, pois no seu último choque, na edición de 2017, precisamente na mesma fase que a día de hoxe, os olívicos saíron vitoriosos, caendo eliminados posteriormente nas semifinais.

Comentarios