Fútbol | 1ª RFEF

A PREVIA | Carbón ou puntos, únicas opcións dos Reis para o Dépor

O conxunto branquiazul recibe en Riazor a Real Sociedade B, un rival directo na loita polo 'play-off'.
Virán os Magos de Oriente cargados de puntos para o Deportivo? (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Virán os Magos de Oriente cargados de puntos para o Deportivo? (Foto: RC Deportivo).

A vitoria (1-2) de hai dúas semanas e media no Carballiño sobre o Arenteiro permitiu a Imanol Idiakez comer o turrón e as uvas como técnico do Real Club Deportivo da Coruña. Non obstante, nada lle asegura recibir os agasallos de Reis se obtén un mal resultado esta quinta feira (Riazor, 19 horas) ante o filial da Real Sociedade.

Por iso, o único que lle pediu "a Melchor, Gaspar e Baltasar" foi "un triunfo" sobre un segundo equipo txuri-urdin que promete ser un óso duro de roer, pois con 16 puntos fóra da casa é o segundo mellor visitante da Primeira Federación e o único até o de agora -xunto coa Sociedade Deportiva Ponferradina- que non coñece o que é derrota a domicilio. 

No estremo oposto, o conxunto  herculino destaca pola súa irregularidade no coliseo branquiazul -acumula 11 puntos como local por 15 como visitante-, algo que está obrigado a solucionar comezando polo día desta quinta feira se non quere afastarse aínda máis dun postos de play-off que olla desde a sétima posición con 26 puntos, a tres da quinta e última que da dereito a disputala e a catro da Real Sociedade B, cuarta clasificada na táboa.   

A pesar da presión, na rolda de prensa previa ao choque Idiakez non ocultou a súa confianza en que os seus homes logren facerse cos tres puntos: "A vitoria no último partido antes das vacacións de Nadal reforzounos a todos moito, empezando polos xogadores, porque foi unha remontada nun campo moi difícil, e con iso en mente agardamos comezar en Riazor a escalada para alcanzar os nosos obxectivos". 

Cuestionado sobre o seu pasado na Real Sociedade -debutou tanto no rol de futbolista como no de adestrador no seu segundo equipo-, aínda recoñecendo que é o club da súa vida, o donostiarra confirmou que está "totalmente centrado" en lograr o ascenso co Deportivo.

Pola súa parte, o futbolista máis veterano do grupo, un Salva Sevilla que celebrará o seu 40 aniversario o próximo 18 de marzo, expresou o seu desexo de que de agora en diante tanto el como os seus compañeiros demostren "un pouco máis de regularidade", especialmente en Riazor, para ser quen "de enlazar vitorias contra os rivais directos" ante os que xogarán en xaneiro, pois logo do duelo coa Real Sociedade B colidirán con Cultural Leonesa -segunda clasificada-, Ponferradina -terceira- e porán fin a esta, nunca mellor dito, 'costa de xaneiro', contra nin máis nin menos que o líder da categoría, o Celta Fortuna.

Comentarios