Un portavoz oficial confirma a chegada de Seedorf á Coruña

Nen a web nen a conta twitter do Dépor tornaron aínda oficial a fichaxe, mais desde o departamento de comunicación do clube se indicou que a chegada de Seedorf a Alvedro está prevista para as 15.30 horas.

seedorf
photo_camera seedorf

Incredulidade. Esa foi ao principio a nota dominante na reacción da afeizón deportivista á noticia da fichaxe de Clarence Seedorf como novo treinador do Deportivo. Non estaba en absolutamente nengún dos cálculos previos. A surpresa deu paso a un festín de comentarios máis ou menos burlóns nas redes, con evocación inevitábel ao 4-0 que Seedorf viviu en contra, no estadio de Riazor, como integrante do Milan nos cuartos de final da Champions, no exercicio 2003-2004.

Aquel era outro Clarence Seeedorf e aquel era outro Deportivo. Daquela a equipa coruñesa aspiraba a todo, no torneo estatal e no europeu. Agora aspira só a sobrevivir no campionato ligueiro. Bota man para iso dun treinador holandés sen apenas folla de servizos. Os seus números máis recentes son da segunda división chinesa e non son para botar foguetes (3 triunfos, 4 empates, 6 derrotas).

Seedorf estivo sempre en equipas potentes -Ajax, Real Madrid, Inter, Milan. Botafogo- e como futebolista nunca viviu a angustiosa experiencia de estar por debaixo da liña de flotación, a tres pontos da salvación. Agora terá de persuadir os seus xogadores, psicoloxicamente fundidos, de que é posíbel a remontada. A ideia do clube é que Seedorf impresionará máis o vestiario do que Cristóbal. Ambos teñen algo en común: chegan ao banco branquiazul sen apenas experiencia como treinadores. O holandés avantaxaría o rapaz formado na Masia blaugrana nun mellor currículo como futebolista.

Sétimo treinador

É o sétimo treinador da era Tino Fernández. 4 anos, 7 técnicos. Unha máquina de cesar treinadores. Se as cousas correren mal e a equipa non é quen de evitar o descenso, as opcións de Fernández de reter a presidencia nas próximas eleccións -especúlase con que Lendoiro poderia promover unha candidatura próxima a el- serían practicamente nulas.

Comentarios