Seedorf, a arriscada aposta do Dépor para evitar o descenso

A falta de confirmación oficial, todo aponta a que o ex futebolista do Real Madrid, Inter, Ajax, Milán e Botafogo será o novo treinador do Dépor. O seu currículo como adestrador é francamente escaso.

seedorf
photo_camera Seedorf, coa camisola do Milan

Martín Lasarte, a primeira opción, dixo non e o Deportivo deu a sorpresa ao pór sobre a mesa o nome de Clarence Seedorf, un futebolista de enorme nível, mais un treinador sen apenas experiencia na elite, apenas uns meses no AC Milan hai 4 anos e unha aventura pouco exitosa na segunda división chinesa. O seu descoñecimento sobre a liga española actual e sobre o plantel deportivista é total.

Nada se sabe do seu ideario futbolístico nen da súa capacidade como motivador dun plantel cuxo estado de ánimo abala entre a apatía e a depresión. Si se sabe que está representado por unha das axencias con maior poder no mercado, empresa que desde hai unhas semanas exploraba as opcións de colocar o holandés en algúns dos vestiarios da liga española.

É unha opción moi arriscada que, de non fructificar, non só daría cos ósos do Dépor na Segunda División, senón que moi probabelmente asestaría un golpe definitivo á presidencia de Tino Fernández, xa fortemente cuestionado polas bases do deportivismo.

Comentarios