Pontevedra quere ser de novo a capital mundial do tríatlon... en 2027

O Concello anunciou a súa candidatura.
Estampa do Comité Organizador do Mudial Multideporte, co alcalde de Pontevedra á fronte. (Foto: Concello de Pontevedra).
photo_camera Estampa do Comité Organizador do Mudial Multideporte, co alcalde de Pontevedra á fronte. (Foto: Concello de Pontevedra).

Durante esta cuarta feira constituíuse oficialmente o Comité Organizador encargado de coordinar a posta en marcha e do Mundial Multideporte de Pontevedra do vindeiro ano 2025.
O alcalde da Boa Vila, Miguel Anxo Fernández Lores, estivo acompañado nesta primeira reunión polos representantes do resto de Administracións Públicas e institucións que o farán posíbel, como son o Concello de Sanxenxo, a Xunta da Galiza, a Deputación de Pontevedra, a Federación Galega de Tríatlon, a súa homóloga estatal e a World Triathlon.

"É sen dúbida positivo que hoxe esteamos aquí, pois este é un evento que transcende a cidade de Pontevedra e a súa comarca", sinalou o rexedor, anticipando que o Mundial Multideporte "moverá milleiros de persoas" e suporá, de novo, "unha proxección inmensa a nivel internacional, ademais de ter unha repercusión económica realmente importante".

Non obstante, durante a súa intervención Lores deu unha 'noticia bomba' que opacou o resto, pois Pontevedra aspirará a acoller a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon do ano 2027: "É unha posibilidade que está sobre a mesa. Non é algo seguro, pero tentaremos que así sexa".

A UCE visita a Boa Vila
Pontevedra non só acolle certames de transcendencia internacional no eido do tríatlon, pois en novembro do presente ano 2024 tamén será a sede do Campionato de Europa de Ciclocrós.

Por esta razón, esta semana diferentes representantes da Unión Ciclista Europea (UCE) visitaron a Cidade do Lérez, revisando o circuíto para "puír todos os detalles de cara á disputa do campionato"

.

Comentarios