Dorian Coninx proclamouse en Pontevedra novo rei do Tríatlon Mundial

O portugués Batista entra décimo terceiro, Vilaça décimo cuarto e o galego Serrat trixésimo.
deporte tríatlon pontevedra
photo_camera Chegada á meta (Foto: WTFC Pontevedra)

O galego Antonio Serrat remata no posto 30 do Mundial de Pontevedra. Entrou na meta do CGTD a 9 segundos do que partía como favorito na proba, o británico Alex Yee, que portaba o número 1 e rematou en vixésimo novena posición.

Unha carreira con numersoso público, tanto nos arredores do Lérez coma no centro histórico. Pontevedra volveu responder na rúa a unha cita de calado e repercusión internacional.

Serrat foi tamén o primeiro competidor do Estado nesta proba que cruzou a meta en Pontevedra e o portugués Vilaça, que partía de terceiro, quedou no posto 14, por detrás do tamén portugués Ricardo Batista, que chegou a Pontevedra portando o 45.

A carreira foi completada por tres atletas ao mesmo tempo, unha hora, 42 minutos e 22 segundos: o francés Dorian Coninx, que estaba quinto na xeral, o alemán Tim Hellwig (décimo) e o tamén galo Pierre Le Corre (oitavo). Unha final de infarto dominada por europeos, xa que o primeiro non europeo foi o australiano Matthew Hauser, que entrou en séptima posición.

Arrancou a proba de elite masculina co segmento de natación no Lérez. O primeiro en saír da auga foi Hauser, comandando un grupo de 18 unidades e con Hayden Wilde sufrindo unha penalización por deixar o seu gorro no pontón que acabaría por deixalo fóra da loita polo campionato.

Chegou a quenda da primeira transición e o segmento de bici rodándose a un ritmo moi alto e sacando do grupo dos favoritos a Blummenfelt, Alex Yee ou o propio Wilde. E coa carreira a pé apareceu o momento de Coninx. O francés marchaba agazapado, detrás dos primeiros postos, tras Hellwig e Pearson, e da man do seu compatriota Le Corre.

Até que nas últimas voltas, e apoiado polo público que enchía as bancadas do estadio, Conninx empezou a preparar a súa vitoria en Pontevedra impoñéndose finamente nun sprint moi axustado con Tim Hellwig e Le Corre.

A priori todo estaba preparado para que Pontevedra fose o escenario perfecto para unha batalla polo cetro mundial entre o briánico Yee, o neozelandés Wilde e o portugués Vasco Vilaça mais unha vez máis quedou de manifesto que o tríatlon non fai prisioneiros e que a carreira acaba poñendo a cada un no seu sitio.

Coninx proclamouse novo Rei do Tríatlon Mundial, mentres que Alex Yee, que lideraba a clasificación até esta última parada das Series Mundiais, tivo que conformarse co subcampionato ao acabar 29º en Pontevedra e Bergere co bronce ao rematar 4º nesta Gran Final.

Comentarios