Pontevedra será, de novo, o escenario da final do Mundial Multideporte en 2025

A cidade xa prepara o broche de ouro das Series Mundiais deste ano que terán lugar en setembro.
Mundial Multideporte da World Triathlon que tivo lugar en 2019 na cidade de Pontevedra. (Foto: World Triathlon)
photo_camera Mundial Multideporte da World Triathlon que tivo lugar en 2019 na cidade de Pontevedra. (Foto: World Triathlon)

Pontevedra será o escenario da gran final do Mundial Multideporte do ano 2025. Notificouno esta quinta feira a presidenta da World Triathlon (organismo internacional máis importante da disciplina deportiva), Marisol Casado, que confirmou dese modo que a cidade do Lérez será a capital mundial desta disciplina deportiva de novo, xa que xa albergara este campionato en 2019. Este anuncio súmase ás grandes finais das Series Mundiais de Tríatlon que terán lugar o vindeiro mes de setembro tamén en Pontevedra, convertendo así a cidade na auténtica capitán do tríatlon a nivel mundial.

En declaracións a Nós Diario, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores manifestou acerca deste anuncio que "isto supón para Pontevedra ser a referencia mundial no mundo do Tríatlon porque non hai outra cidade do mundo que, como nós, albergara tantos campionatos mundiais".

Sobre a escolla de Pontevedra para 2025, o rexedor pontevedrés salienta que "a nosa cidade foi escollida por unanimidade de toda a federación internacional para acoller os Mundiais Multideporte, e isto é así por moitas razóns, pero sobre todo pola nosa capacidade de organización que require un traballo moi serio porque virán a Pontevedra cerca de 4.500 deportistas con acompañantes. Todo un revulsivo económico non só para nó senón para todas as Rías Baixas".

"É importante recalcar que se Pontevedra pode albergar este tipo de competicións no espazo público é grazas ao modelo urbano de Pontevedra. Hai tempo que apostamos por este tipo de eventos e está a funcionar", afirma o alcalde.

Un compromiso "fóra de serie"

Tamén a presidenta de World Triathlon, se pronunciou sobre este anuncio asegurando que "é para min, e para toda a familia de World Triathlon, todo un orgullo volver a Pontevedra, unha cidade que deu tanto ao tríatlon, e que acolleu algúns dos mellores eventos que organizamos nos últimos anos. Se a edición do Mundial Multideporte que xa acollemos en Pontevedra en 2019 foi magnífica, estou segura de que agora, coa experiencia acumulada ademais da Final das World Triathlon Championship Series deste mes de setembro, será mesmo mellor".

Sobre o compromiso da cidade do Lérez co deporte e a súa capacidade de organización deste tipo de eventos, Marisol Casado afirma que "o compromiso da cidade, o concello e os organizadores é realmente fóra de serie, e estou absolutamente segura de que o evento volverá ser un éxito que porá o listón moi alto" ao tempo que recalcou o seu total agradecemento á cidade de Pontevedra e a Federación Española de Tríatlon "polo seu excepcional compromiso co noso deporte".

"Tivémolo claro"

Pola súa parte, o presidente da Federación Española de Triatlón, José Hidalgo, se pronunciou onte en rolda de prensa acerca deste anuncio dicindo que "Pontevedra 2025 é posíbel grazas a Pontevdra 2019. Todos os deportistas que participaron naquela proba hai catro anos seguen falando a día de hoxe do éxito que foi aquela cita, iso foi o que posibilitou que a Pontevedra lle fose concedida a organización deste evento. Cando houbo que decidir tivémolo claro".

A gran final do Mundial Multideporte de 2019 deixara para a memoria colectiva da cidade a imaxe da entrada en meta conxunta dos galegos Javi Gómez Noya e Pablo Dapena na proba de longa distancia.

Todo preparado para o mundial en setembro deste ano

O tríatlon ten sede mundial, e está na Galiza. Pontevedra leva acollido múltiples probas da máxima categoría deste deporte e en setembro deste ano terán lugar alí as grandes finais das Series Mundiais de Tríatlon. A este respecto, o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, asegura que "calculamos que virán a Pontevedra 10.000 persoas, o que suporá atraer turismo deportivo de calidade e un impacto económico moi importante e positivo".

Comentarios