Pontevedra procura voluntarias para a final das Series Mundiais de Tríatlon

Pontevedra acollerá do 20 ao 24 de setembro a cita máis importante do deporte do tríatlon a nivel planetario, a gran final das Series Mundiais. 

Mundial Multideporte da World Triathlon que tivo lugar en 2019 na cidade de Pontevedra. (Foto: World Triathlon)
photo_camera Mundial Multideporte da World Triathlon que tivo lugar en 2019 na cidade de Pontevedra. (Foto: World Triathlon)

Pontevedra acollerá do 20 ao 24 de setembro a cita máis importante do deporte do tríatlon a nivel planetario, a gran final das Series Mundiais. 

Para garantir o correcto funcionamento do evento, a organización contará con máis de 500 voluntarios e voluntarias.

Estas participarán nas diferentes áreas de traballo previstas para aquelas persoas que, como acontece noutras grandes citas deportivas como os Xogos Olímpicos, acheguen altruistamente o seu tempo e coñecementos en loxística, secretaría e acreditacións, apoio á dirección da carreira, protocolo e cerimonias, comunicación e prensa.

As persoas voluntarias, destacan desde a Federación Galega de Tríatlon (Fegatri), "estarán moi preto dos e das deportistas, e serán unha peza de gran importancia na realización do evento". 

O principal requisito para poder exercer como voluntaria é ser maior de 16 anos e, no caso de ser menor de idade, contar cunha autorización dun titor ou titora legal.  

Desde a Fegatri tamén confirman que os voluntarios e voluntarias terán garantida a manutención e equipamento, ademais dos seguros e certificados de participación.

No momento de escribir estas liñas, a Oficina Virtual de Voluntariado indicaba que tan só quedaban 268 prazas libres, a pesar de que a inscrición límite é o 20 de agosto.  

Comentarios