Pepe Criado deixa a presidencia do Rácing de Ferrol despois de 32 anos á fronte do club

Manuel Ansede, até o de agora conselleiro delegado, colle a remuda.
Criado, onte na súa rolda de prensa de despedida. (Foto: Rácing de Ferrol).
photo_camera Criado, onte na súa rolda de prensa de despedida. (Foto: Rácing de Ferrol).

O presidente do Rácing Club de Ferrol, José María, 'Pepe', Criado, dimitiu hoxe como presidente do único equipo galego na Segunda División despois de 32 anos á fronte do Consello de Administración dos Diaños Verdes.

A súa renuncia obedece "única e exclusivamente a motivos de índole persoal", e ao seu desexo de "facerse a un lado" agora que considera que alcanzou os seus propósitos á fronte do Rácing, "devolvelo ao fútbol profesional" e "unir ao racinguismo".

O mandatario levaba "tempo" sopesando esta decisión que se converteu en irrevogábel unha vez que o Rácing logrou o ascenso este verán. A pesar de que desde o Consello de Administración da entidade o convidaron a "reconsiderar" a súa postura, finalmente prevaleceu o seu desexo de "tomar un descanso".

O seu sucesor será o, até o día de onte, conselleiro delegado da escuadra departamental, Manuel Ansede, que "lamentou" o adeus do seu predecesor e afirmou que a transición será "lóxica e orgánica".

O Celta ficha o máximo goleador da liga holandesa

Tasos Douvikas xa é novo xogador do Real Club Celta de Vigo. O dianteiro grego, de 24 anos de idade, xogará en Balaídos durante as próximas cinco tempadas, logo do acordo alcanzado entre a entidade olívica e o seu club de procedencia, o FC Utretch holandés.

Alí completou unha fantástica tempada o ano pasado, anotando 19 goles que o converteron no máximo realizador da Eredivisie. Polo seu perfil, o 15 veces internacional está chamado a complementar o traballo de Iago Aspas ou Strand Larsen na zona ofensiva, na que o Celta evidenciou nas tres primeiras xornadas de campionato estar curto de efectivos.

Máis sombras que luces na última data ligueira

O Celta continúa sen coñecer o triunfo logo de perder na casa contra o Real Madrid (0-1), nun partido condicionado pola desastrosa arbitraxe de Isidro Díaz, que favoreceu os brancos.

Na Segunda División, o Rácing despediu o seu presidente co segundo triunfo do campionato -2 a 0 ante o Sporting- e os sorprendentes Diaños Verdes xa son terceiros na táboa.

Por último, na Primeira RFEF o Lugo é líder tras gañar o Teruel (2-1), mentres que o Dépor empatou co Maxadahonda (0-0) e Arenteiro e Celta B perderon con Nàstic (1-0) e Ponferradina (2-1), respectivamente.  

Comentarios