Arranca a Primeira RFEF con catro galegos en liza

Deportivo da Coruña, Celta Fortuna, Arenteiro e Lugo, que debutarán entre hoxe e mañá, conforman a representación do país
Presentación onte da alianza entre o Dépor e a Deputación da Coruña, que promocionará a provincia cunha publicidade nos pantalóns. (Foto: Deputación da Coruña).
photo_camera Presentación onte da alianza entre o Dépor e a Deputación da Coruña, que promocionará a provincia cunha publicidade nos pantalóns. (Foto: Deputación da Coruña).

Dúas semanas despois do comezo da Primeira e a Segunda División chega a quenda de que a pelota bote a rodar nunha terceira categoría do fútbol estatal na que, un ano máis, serán da partida catro equipos da Galiza, todos eles integrados no Grupo '1': Real Club Deportivo da Coruña, Club Deportivo Lugo, Celta Fortuna e Club Deportivo Arenteiro.

De cara á súa configuración, e tendo en conta o peso que representan os conxuntos andaluces na Primeira Federación, o novo sistema de distribución adoptado foi o norte-sur, polo que os rivais dos catro galegos no Grupo '1' serán tres castelán-leoneses (Ponferradina, Cultural, Unionistas), dous madrileños (Raio Maxadahonda, Fuenlabrada), cinco de Euskal Herria (Real Sociedade B, Real Unión de Irún, Sestao River, Logroñés, Osasuna B), dous aragoneses (Tarazona, Teruel) e catro cataláns (Barça B, Cornellá, Nàstic e Sabadell).

Na xornada inaugural a sorte evitou os enfrontamentos entre os equipos da Galiza -o primeiro derbi do campionato será o Lugo-Dépor da segunda xornada-, sendo precisamente a escuadra herculina a primeira que xogue no día de hoxe.

Os pupilos de Imanol Idiakez queren disipar as nubes negras que sobrevoan o club desde o fracaso na última promoción de ascenso e a subseguinte marcha da directiva e destitución de Rubén De la Barrera cun triunfo sobre o Raio Maxadahonda en Riazor ás 20.30 horas de hoxe. 

Unha hora máis tarde, ás 21.30 horas, o Arenteiro visitará o fogar unha entidade que sempre é candidato ao ascenso, o Gimnàstic de Tarragona. 

Logo de dous saltos de categoría nas últimas tres tempadas, o conxunto do Carballiño encara o maior desafío da súa historia sen outro obxectivo que a permanencia, para o que será fundamental a achega goleadora da súa fichaxe estrela, o veterano dianteiro Miku Fedor.

Xa o domingo, e ás 20.30 horas, para tratar de que os futbolistas sufran o mínimo posíbel os rigores das temperaturas propias do verán, o Club Deportivo Lugo disputará o seu primeiro partido na antiga Segunda B desde que lograra o ascenso a segunda no ano 2012. Para este regreso, o sempre polémico presidente Tino Saqués optou por confiarlle o banco albivermello ao cántabro Pedro Munitis, que quere comezar con bo pé ante outro club que, como o Arenteiro, procede da Segunda Federación, o Teruel. 

Por último, ás 21.30 horas de mañá, o Celta Fortuna, nova denominación do filial celeste, fecha a xornada da Primeira Federación no sempre complexo Toralín. A Ponferradina foi, xunto con Lugo, Ibiza e Málaga, un dos catro equipos que o ano pasado militaban na Segunda División, e, como no caso albivermello, afrontan esta tempada cun equipo practicamente novo, pois tan só continúan dous xogadores (Ale Díez e Yuri, aos seus 41 anos) do bloque que perdeu a categoría. Por iso, os rapaces de Claudio Giráldez, candidatos ao ascenso por méritos propios, están ante un partido trampa pola incógnita que representan os bercianos.

O Sporting de Xixón visita o estadio da Malata

O sorprendente Rácing de Ferrol, aínda invicto na Segunda logo das dúas primeiras xornadas, quere seguir deixando ben alto o pabillon da Galiza no seu terceiro compromiso do campionato mañá ante o veciño Sporting de Xixón (17 horas).

Este partido será moi especial, a maiores, por ser o primeiro que se disputará na Malata, unha vez recibido o visto e prace por parte da Liga de Fútbol Profesional logo da conclusión das obras de adaptación aos requisitos esixidos pola patronal. Para celebralo, o Concello autorizou unha festa na céntrica rúa da Magdalena promovida pola peña Soño Verde. 

Comentarios