A Liga autoriza que o Rácing de Ferrol xogue de novo na Malata

Superou as esixencias requiridas pola patronal
O debut será a fin de semana dos días 12 ou 13 de agosto. (Foto: Rácing de Ferrol).
photo_camera O debut será a fin de semana dos días 12 ou 13 de agosto. (Foto: Rácing de Ferrol).

O Rácing de Ferrol, único representante da Galiza na Segunda División, recibiu onte o definitivo visto bo da Liga de Fútbol Profesional para que o estadio da Malata poida acoller os partidos que dispute como local o conxunto departamental.

A entidade dirixida polo ultradereitista confeso Javier Tebas esixiu aos Diaños Verdes unha serie de actuacións para dotar o recinto "das infraestruturas e recursos técnicos necesarios para garantir unha adecuada cobertura mediática, ademais de mellorar aspectos como a megafonía, a iluminación ou o soporte das telecomunicacións". A maiores, tamén se acometeron outras reparacións estruturais tanto en cubertas como en accesos, no céspede e nos seus sistemas de rego.

Esta "transformación" da Malata foi "valorada moi positivamente desde a Liga", segundo explicou nun comunicado o Rácing de Ferrol, que deste modo poderá xogar no que é o seu fogar desde o ano 1993 o seu primeiro partido como local da presente Liga, colisionando contra o veciño Sporting de Xixón o domingo, 27 de agosto, ás 17 horas da tarde.

O Rácing de Ferrol tamén aproveitou a oficialización do regreso ao seu campo para agradecer ao Real Club Celta de Vigo o ofrecemento do Estadio de Balaídos como terreo de xogo alternativo, salientando a "boa disposicion en todo momento" da entidade olívica. 

Definidas as semifinais da Copa Federación

Logo de que o Ourense Club de Fútbol lle gañase 0-1 ao Estradense no Novo Municipal da Estrada xa quedaron configuradas as dúas semifinais da Fase Autonómica da Copa Federación 2023-24. Así, por un lado xogarán Racing Club Villalbés e Somozas na Magdalena e polo outro o Ourense e o Coruxo no campo do Vao.

Comentarios