Paula Otero, nadadora: "Competir nos Xogos Olímpicos sería un soño"

Paula Otero é nadadora do Club Natación Arteixo e vén de lograr un fito histórico para este deporte na Galiza. Conseguiu o cuarto posto no campionato europeo absoluto de 1.500 metros libres aos seus 18 anos de idade. 'Nós Diario' conversou con ela para coñecer a súa experiencia e os retos de futuro que agora encara.
A nadadora Paula Otero vén de recoller éxitos en Roma (Foto: Club Natación Arteixo).
photo_camera A nadadora Paula Otero vén de recoller éxitos en Roma. (Foto: Club Natación Arteixo)

—Como foi a experiencia de competir en categoría absoluta no campionato europeo de natación en Roma?
A verdade é que foi unha primeira experiencia moi boa. Tiña moitas ganas de competir neste campionato europeo e creo que saio del tendo gañado moita experiencia.

Competín en dúas finais no europeo [800 metros e 1.500 metros] e quedei moi contenta. Poder comezar a nadar en finais absolutas contra outras nadadoras, profesionais de máis idade que a miña, foi algo que me gustou moito.

—Conseguiu o cuarto posto en 1.500 metros libres. Trátase dunha proba exixente, implicoulle moita preparación?
Si, sobre todo a nivel mental e estratéxico xa que é unha proba bastante longa. 

—Pensaba que podía alcanzar o podio nalgún momento?
A verdade é que en ningún momento pensei niso. Cando estaba a nadar ía ao meu, facendo a miña carreira sen preocuparme polo resto. Decidín que ía controlar o que podía controlar e creo que me foi mellor. 

Ao final si que me dei conta que acababa de adiantar á que estaba cuarta, mais en ningún momento pensara en lograr unha medalla.

—Notou a diferenza de competir nos campionatos júnior a competir no absoluto?
Si, nótase moito. É como cando estás no último ano da Primaria e chegas á ESO. No europeo sentíame un pouco así, mais, na verdade, ben, non me podo queixar.

—Hai un mes e medio deu positivo en Covid-19, o que fixo que tivese que retirarse das competicións deportivas. Foille difícil a readaptación?
Si, incluso en certos momentos notaba como que me faltaba o ar. Con todo, despois de dúas semanas de dar positivo xa estaba ao 100%.

—Vostede ten 18 anos, como compaxina os estudos co deporte de elite?
Estou no Centro de Tecnificación de Pontevedra e a verdade é que alí si que nos axudan bastante para compaxinar adestramentos e competicións cos estudos.

Si que é certo que ás veces é difícil porque hai que estudar despois de adestrar estando moi cansada.

—Hai pouco realizou a proba ABAU para aceder á universidade. Como lle foi?
Moi ben, puiden entrar na carreira que quería, que é Fisioterapia, así que quedei moi contenta.

—Que ten a natación para que decidise practicar ese deporte?
Simplemente me gusta moito nadar. Son unha persoa moi competitiva e encántame competir en xeral, aínda que perder non me gusta demasiado se son sincera. En xeral os deportes acuáticos gústanme moito.

—Aparte da natación, que outros deportes lle gustan?
Hai veces que durante a temporada nos mandan ir correr e é algo que tamén me gusta moito.

En xeral atráeme toda a actividade deportiva, non sei se para competir a tan alto nivel como a natación pero vaia, si que podo dicir que me gustan case todos os deportes.

—Cal sería a medalla ou competición que máis lle gustaría conseguir?
Ir a uns Xogos Olímpicos gustaríame moito, a verdade, sería todo un soño. Se falamos de medallas diría que calquera que veña, benvida será. Hai moitas competicións que me gustaría gañar.

O futuro inmediato de Paula Otero

A respecto do que lle depara o futuro, a nadadora Paula Otero indica que nestes momentos se encontra  de vacacións e en breves comezará de novo cos adestramentos "para preparar principalmente os mundiais que se aproximan pero tamén outras competicións que haberá de aquí a uns meses".

Sobre a diferenza de idade que hai entre ela e a maioría de nadadoras da elite, Otero manifesta que lle encanta "poder adestrar e competir con xente de máis idade ca min, porque así podo aprender moito delas sobre moitos temas como por exemplo, como adestrar ou como enfrontar certas competicións, non só do punto de vista físico mais tamén mental, que é algo moi importante na natación". 
 

Comentarios