Paralímpicas e olímpicas terán os mesmos pagos en París 2024

As contías en Toquio 2020 foron 25% menores na última edición do certame. 
A atleta viguesa Susana Rodríguez e a súa guía, Sara Loehr, cruzan a liña de meta na proba de triatlón de Toquio 2020 (Foto: John Walton/PA Wire/dpa)
photo_camera A atleta viguesa Susana Rodríguez e a súa guía, Sara Loehr, cruzan a liña de meta na proba de triatlón de Toquio 2020 (Foto: John Walton/PA Wire/dpa)

A ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes do Goberno estatal, Pilar Alegría, vén de anunciar nunha Comisión do Senado a equiparación "por primeira vez" dos premios económicos que reciben por medalla conseguida os e as deportistas nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos.

Estes levaranse a cabo na capital gala entre 0 26 de xullo e o 11 de agosto -no caso do primeiro certame- e do 28 de agosto ao 8 de setembro -no dos segundos-, regresando neste 2024 á súa data habitual, logo de que os últimos, programados en Toquio durante o verán de 2020, tivesen que ser adiados até o ano seguinte a causa da pandemia da Covid-19, que aínda así condicionou por completo o seu desenvolvemento.

Na cita olímpica nipoa, e no referente a deportes individuais, as recompensas foron dos 30.000 euros do bronce aos 94.000 do ouro, pasando polos 48.000 da prata, cifras que descendían aos 75.000 euros por atleta por subir ao máis alto do podio nas disciplinas en parella e aos 50.000 no caso das colectivas.

Os e as súas homólogas paralímpicas, mentres tanto, a pesar do aumento de máis de 50% con respecto a Río de Janeiro 2016, percibiron unha media de 26% menos, pois o ouro individual pagábase a 70.000 euros, cantidade que caía aos 35.000 nas parellas ou por equipos.

Comentarios