25-X | Día da Patria Galega

"Ouvir o himno nun campionato", a meta deportiva no Día da Patria

O españolismo sempre tivo medo da existencia e participación das seleccións galegas, en especial da de fútbol, en competicións oficiais e internacionais. Como dicía Manuel Fraga, "só serven para facer nacionalistas". Esta radical oposición, que contrasta coa situación noutras nacións sen Estado, nega ao pobo galego un dereito que traspasa os límites do deporte, pois está intricado en conceptos como a cohesión social e a identidade colectiva.
Nas rúas e nos terreos de xogo, a loita pola oficialidade continúa máis viva que nunca.  (Foto: Siareir@as Galeg@as).
photo_camera Nas rúas e nos terreos de xogo, a loita pola oficialidade continúa máis viva que nunca. (Foto: Siareir@as Galeg@as)

Irmán galego […] Hoxe, que é o Día da Galiza, pensa que a túa terra ten un idioma propio, ten unha maneira peculiar de expresión que a diferenza das demais. Ti non podes avergoñarte de ser galego; ti non podes renegar da túa patria; ti non debes rebaixarte ante os estraños desprezando a fala da túa patria, que é a fala galega. Pensa hoxe, con recollemento, que á túa patria non se lle conceden os dereitos que lle corresponden. Pensa que xentes alleas téñena agrilloada con grillóns de ferro e que se ti queres pódense esnaquizar.

Esas palabras non corresponden a algún dos manifestos que se lerán hoxe na capital galega, non. Pertencen a un texto da Irmandade da Fala que foi "repartido profusamente pol-a Cruña" e incluído no exemplar de A Nosa Terra publicado hai exactamente 100 anos, o 25 de xullo de 1923.

A súa vixencia no tempo presente esténdese, por suposto, ao eido do deporte, no que as seleccións galegas continúan circunscritas ao amateurismo e ás categorías de base, coa única excepción dun fútbol gaélico que celebrará o Día da Patria en Irlanda participando no Mundial en pé de igualdade con estados como o Canadá, Australia, Camboxa, Francia ou a Arxentina. 

As seleccións galegas están circunscritas ao amateurismo e ás categorías de base

Pero a realidade imponse aos sentimentos, é o incuestionábel mérito dos catro combinados nacionais desprazados até Derry vese limitado no seu impacto social pola escasa implantación dunha disciplina que leva pouco máis dunha década desenvolvéndose no país. 

Nos deportes maioritarios, comezando polo fútbol, España e quen non é España -como lembraba Afonso Eiré na revista editada por Vía Galega no 2021 baixo o título Galiza, un pobo, unha selección afirmando que o regreso da selección galega de fútbol previsto nos anos 80 quedou desbaratado desde dentro do nacionalismo polos servizos secretos españois- bloquea sistematicamente o seu dereito a competir. Boa fe poden dar diso en Euskal Herria, onde o Estado torpedea sen conmiseración todos os seus intentos do Goberno vasco de lograr a oficialización a través das canles estabelecidas legalmente polos organismos deportivos internacionais.

A selección galega, unha fábrica de nacionalistas

Non por nada, tal e como dicía Manuel Fraga, que xogase a Irmandiña non interesaba porque apoiala era "facer nacionalistas". E tiña razón. As imaxes do Estadio de San Lázaro durante o primeiro partido da selección galega na era moderna o 29 de decembro de 2005, tan só uns meses despois de que cedese o Goberno a BNG e PSdeG após perder as eleccións, aínda perduran no imaxinario colectivo como a maior mostra de orgullo e exaltación nacional galega fóra do que son as marchas do Día da Patria, co valor engadido ademais dunha transversalidade social que é un dos trazos distintivos do fútbol e da que moitas veces carecen as manifestacións.

O propio Pucheiro preguntábase no seu libro O fútbol na sociedade galega "que une ao espectador de Xeral, reconvertido, despedido de Ascon ou Sidegasa, co ex delegado de Facenda en Vigo que se acomoda no seu palco? Ao seareiro que vén desde Ramirás e trae o seu bocadillo para non gastar na comida e ao empresario de Chantada que convida a comer aos seus amigos e clientes ao Mosquito e logo marchan pasar a noite ao Casino da Toxa? En suma, que pode xunguir a persoas que non teñen ningún interese común e, se cadra, son antagónicos?". 

A resposta está, como apuntou en repetidas ocasión o sociólogo francés Alain Ehrenberg, na capacidade que ten o deporte en xeral, e o fútbol en particular, de encarnar o ideal das sociedades democráticas, posibilitando a comuñón entre persoas de distintas procedencias e demostrando que son tamén unha canle para cambiar de status social e mesmo de tornar en heroe nacional.

A invisibilización perpetua

Unha campaña publicitaria de Reebok desenvolta en Inglaterra en 1997 mostraba como sería a vida de estrelas do momento como o galés Ryan Giggs –estandarte durante 15 anos da selección dun país que si pode competir oficialmente a pesar de non ser Estado propio-, o holandés Denis Bergkamp ou o danés Peter Schmeichel se o fútbol non fose o camiño que escolleron. 

Detrás do evidente clasismo da firma alemá, que estabelecía unha inxusta comparación retratando o interior esquerdo como un depauperado vendedor de flores a pé de estrada, o astro do Arsenal como o traballador dunha fábrica de queixos e o porteiro do Manchester United como un gandeiro porcino, translucíase esa mobilidade social da que escribiu Ehrenberg. Tamén esa posibilidade de tornar en heroe para un pobo, como foi o caso do galés, quen protagonizou unha recordada estampa nos Xogos Olímpicos de Londres 2012 –onde Inglaterra, Irlanda do Norte, Escocia e Gales compiten baixo o mesmo pavillón, a diferenza do que acontece nos torneos futbolísticos da FIFA e a UEFA- permanecendo coa boca selada durante a interpretación do God save The Queen.  

O sociólogo Alain Ehrenberg defende o peso do deporte nas sociedades democráticas

Isto contrasta radicalmente coa situación de invisibilización que padece a Galiza, que a diferenza de nacións sen Estado como a propia Gales ou mesmo territorios dependentes administrativamente doutros países como Xibraltar, as Illas Feroe, Nova Caledonia ou Anguila, non pode competir de modo independente, furtándolle esa serie de vivencias colectivas que no século XXI só son posíbeis a través do deporte. 

A nivel de resultados, de poder facelo tería finalizado na posición 68 no medalleiro dos Xogos Olímpicos de Toquio 2020, 54 nos de Río 2016, subindo até a 41 nos inmediatamente anteriores de Londres 2012, onde os e as deportistas do país sumaron unha medalla de ouro, dúas de prata e outra de bronce. E que dicir da selección galega de fútbol? A Irmandiña podería contar con nomes como Borja Iglesias, Iago Aspas, Santi Comesaña, Angeliño, Brais Méndez, Joselu ou Gabri Veiga que, canto menos, garantirían pelexar por estar presentes tanto na Eurocopa como no Mundial.

Por iso, neste 25 de Xullo atípico que chega dous días despois dunhas eleccións estatais desenvoltas baixo a ameaza dun triunfo dunha coalición de ultradereita españolista, o vello obxectivo de "ouvir o himno galego de fondo nun campionato oficial e internacional" que hai 10 anos defendía a Plataforma Pro Oficialidade Galega e que retomou con forza Vía Galega en 2021 continúa sendo unha das grandes metas que reclamar no Día da Patria.

Comentarios