Revisitando a 'Historia inacabada do deporte galego'

'Nós Diario' lanza un novo coleccionábel co gallo do centenario da selección nacional
A Irmandiña, que regresou tras varias décadas de ausencia en 2005 (na imaxe) disputou o seu primeiro encontro hai 100 anos, en 1922.
photo_camera A Irmandiña, que regresou tras varias décadas de ausencia en 2005 (na imaxe) disputou o seu primeiro encontro hai 100 anos, en 1922.

Tres meses despois do comezo da iniciativa Galiza, un pobo, unha selección, unha poliédrica panorámica polo pasado, o presente e o futuro do deporte do país que naceu da man de Vía Galega co obxectivo de pór en valor "o seu peso na construción dunha identidade nacional" ao mesmo tempo que se reivindicaba "o dereito a competir a nivel oficial e internacional en todas as disciplinas deportivas", Nós Diario lanza en colaboración coa devandita plataforma social un novo coleccionábel que leva por título Historia inacabada do deporte galego.

A obra consta de 19 fascículos, e estará dispoñíbel para os lectores e lectoras de Nós Diario de terzas a sextas durante a totalidade do vindeiro mes de marzo. Na mesma, coordinada polo responsábel de deportes do xornal, Héctor Pena, realízase un percorrido integral pola historia do deporte na Galiza, mais tendo en conta que "como elemento vivo, sempre cambiante, o deporte está en constante movemento e evolución, de aí o título de Historia inacabada deste coleccionábel, pois sempre haberá novos capítulos por escribir", sinala Pena.  

A selección de fútbol abre as 19 entregas do volume

O centenario da estrea da Irmandiña será o leitmotiv que abrirá o coleccionábel, cun número duplo que se entregará conxunta e inseparabelmente cos exemplares de Nós Diario correspondentes aos días 1 e 2 de marzo. A evolución desde que Isidro, Otero, Pasarín, Queralt, Hermida, Balbino, Moncho Gil, Ramón González, Chianorri, Polo e Pinilla defendesen por primeira vez o escudo galego, pasando polo triunfal regreso en 2005 logo de décadas de longa noite de pedra, até alcanzar un 2022 no que a selección galega permanece gardada no armario do esquecemento debido á política do Goberno da Xunta xusto no momento en que está agromando a mellor xeración de xogadores de todos os tempos, dá paso á centenaria loita futbolística da muller galega, que protagonizan -respectivamente- o cuarto e o terceiro número do coleccionábel.

Na súa segunda semana o foco recae sobre o movemento reivindicativo a prol da oficialidade; o fútbol gaélico, único deporte no que a Galiza pode competir oficial e internacionalmente; nos deportes minoritarios, que non deixan de deparar vitorias alén do mainstream; e nas disciplinas autóctonas, como a chave, a billarda e os bolos celtas.

Os deportes acuáticos, pois da man de disciplinas nas que ese medio cobra non menos protagonismo que as propias deportistas a Galiza conseguiu os seus maiores éxitos olímpicos; o tríatlon -ese deporte 'tres en un' no que o país é potencia mundial-; os deportes de contacto e forza -do wrestling ao taekwondo, pasando polo boxeo e a halterofilia-; e o ciclismo, clásico e moderno, desde a introdución no país do primeiro biciclo en 1878, copan a atención na terceira semana de coleccionábel.

Finalmente, a remuda cóllena o atletismo, especificamente o feminino; o baloncesto; o extraordinario nivel que exhiben ano tras ano os equipos da Galiza; e os novos deportes e paradigmas deportivos a ter en conta no século XXI, que dan paso a un extraordinario final con dous números dedicados a debullar a presenza galega nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos.

Comentarios