ciclismo

Ouro de Damián Ramos na Copa do Mundo de Adelaida

O coruñés foi o mellor na contra o reloxo.
Ramos (centro), acompañado por Clincke (á esquerda) e Bertolin. (Foto: RFEC).
photo_camera Ramos (centro), acompañado por Clincke (á esquerda) e Bertolin. (Foto: RFEC).

Insaciábel. O galego Damián Ramos (Lasal Cociñas-Louriña), vixente campión de Europa de fondo na clase C4 de bicicleta adaptada, abriu na cidade australiana do mellor modo posíbel unha tempada na que a súa gran meta son os Xogos Paralímpicos de París.

O corredor coruñés colgou do pescozo a medalla de ouro correspondente á contra o reloxo C4, proba na que segundo foi o belga Louis Clincke e terceiro o polaco Bartlomiej Bertolin. Ramos completou o percorrido de 23,4 quilómetros en 28 minutos e 38 segundos, 25 menos que o seu máis inmediato perseguidor. 

Agora, o seu seguinte obxectivo nun certame que se estenderá até o día de mañá será repetir a súa posición de privilexio na competición de fondo como paso previo a unha segunda etapa da Copa do Mundo que se desenvolverá en maio nunha sede europea aínda por determinar.

O Ineos Grenadiers será da partida no Gran Camiño

Nova confirmación na antiga Volta Ciclista á Galiza profesional, a día de hoxe coñecida como O Gran Camiño. A última formación en unirse ao evento será unha das máis potentes do pelotón internacional, a británica Ineos Grenadiers.

Este será o debut nas estradas do pais dun equipo que no seu pasado recente obtivo vitorias nas tres grandes roldas por etapas do calendario (Giro de Italia, Tour de Francia e Vuelta a España) e que no seu cadro de corredores conta con profesionais do nivel do colombiano Egan Bernal (gañador do Tour de 2019, o Giro de 2021 ou da París-Niza, entre outras), o galés Geraint Thomas (que tamén ten no seu palmarés un Tour, o de 2018, e unha París-Niza), Filippo Ganna (vixente récord da hora e dúas veces campións do mundo contra o reloxo), Michał Kwiatkowski (portador do maillot do arco da vella que o acreditou como campión do mundo de fondo en estrada no 2014) ou Tom Pidcock (campión mundial de ciclocrós e olímpico na modalidade de bicicleta de montaña nos recentes Xogos de Toquio).

Coa presenza do Ineos Grenadiers xa son seis os bloques de categoría World Tour que oficializaron a súa visita á Galiza, unha nómina que, segundo confirmaron desde a organización, "podería ser ampliada nos próximos días".

Comentarios