baloncesto | acb

CRÓNICA | O Obradoiro respira tras imporse ao Breogán no derbi galego (83-72)

Os santiagueses empatan a vitorias co Breogán e saen do descenso.
Un lance do partido. (Foto: A. Baúlde / ACB Photo)
photo_camera Un lance do partido. (Foto: A. Baúlde / ACB Photo)

Folgos para o Monbus Obradoiro, que abandona os postos de descenso após asinar unha importante vitoria fronte ao Leite Río Breogán no derbi galego. A 'Caldeira' do Sar, chea até a bandeira de obradoiristas ansiosos dun triunfo, e con presenza tamén dun nutrido grupo de breoganistas que viaxou á capital galega desde Lugo, impulsou os de Moncho Fernández desde o minuto un.

Os santiagueses empezaron impóndose no marcador e lograron marchar ao descanso cunha vantaxe de 14 puntos (41-27) que se lles puxo costa arriba aos xogadores do Breogán no reinicio. Xa no último cuarto, porén, os de Lugo recortaron distancias até poñérense a só cinco puntos a falta de tres minutos. Pero o Obra apretou de novo e non cedeu.

Os de Fernández saen así dos postos 'vermellos' da táboa ao sumar a sétima vitoria da tempada; as mesmas, con todo, que teñen o propio Breogán e mais o Granada, que marca nestes momentos o descenso. Oito partidos decisivos por diante para que os dous equipos galegos defendan o seu dereito a permaneceren un curso máis na elite do baloncesto.

Ficha técnica do partido.
Ficha técnica do partido.

Comentarios