Baloncesto

O Obradoiro ficha o pivote Will Magnay até final de tempada

O australiano procede dos Tasmania JackJumpers.
Magnay promediou 61% en tiros de dous. (Foto: JackJumpers)
photo_camera Magnay promediou 61% en tiros de dous. (Foto: JackJumpers)

O Obradoiro e Will Magnay chegaron esta cuarta feira a un acordo para a súa contratación até o final da presente tempada. Este pivote de 2,08 metros e 24 anos procede dos Tasmania JackJumpers, cos que promediou seis puntos (61.4% en tiros de dous, 20.0% en triplas e 61.1% en libres), 4.1 rebotes e 1.0 tapóns en 17.6 minutos (21 partidos xogados) na liga Australia.

Internacional universitario e U18, pasou unha tempada na Universidade de Tulsa, tras a que se convertía en xogador profesional no seu Brisbane natal. Cos Brisbane Bullets proclamouse campión da liga Australia en 2019. Na tempada 2020/21 asinou contrato cos New Orleans Pelicans (NBA), completando dita campaña entre Gleague (Erie BayHawks) e Australia (Perth Wildcats).

"Tomamos hai unhas semanas a decisión de fichar a Will, aínda que tivésemos que esperar á finalización da súa competición en Australia. É un xogador que estaba baixo o noso seguimento cando decidiu marcharse á NBA. É un xogador novo aínda, con marxe de crecemento e mellora", afirmou o director xeral do club compostelán, José Luis Mateo.

Comentarios