Obituario: Falece Carlos Torres Barallobre, veterano de Celta e Deportivo

O fillo do lendario Pepe Torres triunfou nos anos 50 e 60
Carlos Torres Barallobre (Foto: Nós Diario).
photo_camera Carlos Torres Barallobre (Foto: Nós Diario).

O fútbol galego está de loito logo do pasamento aos 86 anos de idade de Carlos Torres Barallobre, veterano do Celta e do Deportivo e fillo do lendario Pepe Torres, un dos mellores xogadores branquiazuis de finais dos anos 20 e principios dos 30 do século pasado.

Sendo un cativo comezou a xogar en diferentes clubes da Coruña, como Cantábrico, Alameda ou Sin Querer, de onde pasou ao Fabril. Incomprensibelmente, non chegaría a vestir a camisola do primeiro equipo do Deportivo, xa que o corpo técnico considerábao demasiado feble para a práctica do fútbol.

Rexeitado polo equipo da súa cidade e no que triunfara o seu propio pai, asinou a mediados da tempada 1952-53 por un Celta desesperado por incorporar homes de ataque debido ás múltiples baixas por lesión que viña padecendo.

Torres aproveitou a oportunidade e converteuse nun indiscutíbel para os diferentes adestradores que tivo pola súa velocidade e capacidade anotadora, marcando 36 goles nas cinco campañas que militou no Celta –sempre en Primeira División– e alcanzando a internacionalidade en categorías inferiores.

O seu destacado papel en Vigo provocou o interese de varios equipos, sendo o Espanyol de Barcelona quen se fixo finalmente cos servizos do dianteiro, ao que tivo que pagar 250.000 pesetas anuais, unha cifra máis que respectábel para o ano 1957.

Oito tempadas máis tarde ficharía, por fin, polo equipo da súa cidade, mais a experiencia no Deportivo non foi precisamente de conto de fadas, xa que foi aliñado en apenas oito partidos e acabou baixando á categoría de prata.

Moi decepcionado, deixou atrás de novo o seu fogar para emprender a aventura americana, volvendo anos despois para exercer como adestrador, entre outros equipos, no propio Dépor e no Compostela.

Comentarios