Fútbol

Os novos proxectos do Celta e o Deportivo continúan coa súa posta a punto

Disputan senllos amigábeis contra o Compostela e o Coruxo, respectivamente.
Logo de derrotar o Wolfsburgo o pasado sábado, Rafa Benítez quere volver gañar en Compostela. (Foto: David Klein / CSM via ZUMA Wire)
photo_camera Logo de derrotar o Wolfsburgo o pasado sábado, Rafa Benítez quere volver gañar en Compostela. (Foto: David Klein / CSM via ZUMA Wire)

Restan tan só cinco días para a estrea ligueira do Celta do centenario -que o dixital de Nós Diario celebra cunha enquisa diaria relacionada coa historia celeste até o día 23, no que se conmemore a efeméride- e o técnico Rafa Benítez apura a súa derradeira oportunidades para realizar probas e experimentos.

Será hoxe, ás 20 horas da tarde, no Estadio Vero Boquete de Santiago ante a Sociedade Deportiva Compostela, un rival historicamente moi complexo para a entidade olívica. Tanto, que xamais obtivo o triunfo como visitante no vello San Lázaro nos seus cinco enfrontamentos na Primeira e a Segunda División, sumando un único éxito na Copa de 2001 (1-3, tantos de Benny McCarthy, Edu e Karpin).

No encontro de carácter amigábel, que baixará o pano da pre tempada do Celta e que ambas escuadras acordaron que se levara a cabo como parte do pago polo traspaso de Pablo Durán, regresan á convocatoria Miguel Rodríguez e José Fontán, pero continúan fóra Baeza e Carreira, para os que o club busca unha saída cedidos ou traspasados.

Terceira proba deportivista

Media hora antes de que Compos e Celta colisionen no Vero Boquete saltarán ao céspede do Vao ás 20 o Real Club Deportivo e o Coruxo, nun novo compromiso dos herculinos apenas tres días despois de engadir outro Trofeo Teresa Herrera ao seu palmarés logo de esmagar o Bragantino (4-0) en Riazor.

 Con máis tempo por diante antes do comezo da competición oficial que o seu eterno rival, previsto na Primeira Federación o 27 de agosto, Imanol Idiakez continuará realizando ensaios de cara a lograr implantar a súa filosofía antes desa data. Por iso, incorporou aos adestramentos do primeiro equipo aos canteiráns Diego Gómez e David Mella, que se unen así a outros novos talentos como Brais Val, Kevin Sánchez, Álvaro Santamaría ou Jairo Nogueira.

Un dos seus rivais na terceira categoría, o recentemente ascendido Arenteiro, confirmou na xornada de onte a chegada dun ex deportivista, Nicolás Ladislao Fedor Flores, 'Miku'. Aos seus 37 anos, o dianteiro venezolano, que militou no Deportivo entre 2020 e 2022, anotando 19 goles en 48 partidos de Liga, regresa á Galiza despois dunha irregular tempada no Intercity, onde só disputou 432 minutos. 

O Rácing de Ferrol ficha o lateral Sergio Cubero

Poderío vasco para o carril dereito do Rácing de Ferrol. O único representante galego na Segunda División confirmou na tarde de onte a chegada do lateral dereito Sergio Cubero, en calidade de cedido por unha tempada e procedente da Sociedade Deportiva Eibar.

Comentarios