As deportistas deberán estar "localizábeis": así é a nova Lei Antidopaxe

Reforma a anterior normativa, que databa de 2009.
Víctor Francos, presidente do Consello Superior de Deportes (CSD). (Foto: Europa Press).
photo_camera Víctor Francos, presidente do Consello Superior de Deportes (CSD). (Foto: Europa Press).

O Goberno estatal aprobou na reunión do Consello de Ministros desta terza feira o Real Decreto polo que se desenvolve a Lei de Loita contra a Dopaxe no Deporte de 2021 para dotala de "maior eficacia", "eficiencia" e "seguridade", e que obriga, entre outras cousas, a que os e as atletas indiquen o seu lugar de adestramento habitual para estar "localizábeis".

Este texto completa a adecuación do labor e funcións da Comisión Española de Loita Antidopaxe no Deporte (CELAD) á citada Lei, e formaliza "a plena adaptación do ordenamento xurídico á normativa internacional da Axencia Mundial Antidopaxe (AMA)".

Ademais, este novo Real Decreto derroga o texto normativo anterior, de 2009, e actualiza todos os procedementos de planificación de controis antidopaxe para facelos "moito máis efectivos", di o Goberno.

No seu articulado estabelécense os criterios para conformar o Grupo Rexistrado de Control, un núcleo de deportistas que estará obrigado a indicarlle á CELAD a súa localización habitual diaria durante unha hora ao día na que poden ser sometidas a un control antidopaxe.

Como novidade, o Real Decreto aprobado esta terza feira crea un segundo bloque, o denominado "Grupo de Control", integrado por un conxunto máis numeroso de competidoras que deberán revelar o seu lugar de adestramento cotiá.

A diferenza dos e das deportistas incluídas no Grupo Rexistrado de Control, os membros deste último non poderán ser sancionados "ante eventuais faltas de localización".

O Real Decreto tamén regula os procesos de recollida e extracción de mostras antidopaxe, autorizando á CELAD a aplicar o método coñecido como "toma de mostra con pinga de sangue seco", un novo sistema de extracción e transporte "máis eficiente".

Comentarios