A Audiencia Nacional anula a sanción por dopaxe ao ciclista galego Ezequiel Mosquera

"Este proceso nunca tivo que pasar", asegura o deportista de Teo, que recupera así a súa vitoria na etapa raíña e o segundo posto final na Vuelta a España de 2010.

ezequiel

A Audiencia Nacional vén de dar a razón ao ex-ciclista galego Ezequiel Mosquera e anulou por defecto de forma a resolución do Comité Nacional de Competición e Disciplina Deportiva da Real Federación Española de Ciclismo, que o sancionou por un resultado anómalo por 'hydroxyethil starch' na Vuelta a España de 2010.

Mosquera preferiu non facer valoracións respecto da sentenza e transmitiu á axencia EFE que está "canso, fatigado e farto dun proceso que, coa lei na man, nunca tería que ocorrer".

A sala do contencioso-administrativo sección sexta da Audiencia Nacional estimou o recurso de apelación interposto polo deportista galego, polo que lle recoñece o segundo posto na Vuelta a España de 2010 e a súa espectacular vitoria na etapa que acabou na Bóla do Mundo.

Deste xeito, a Audiencia anula a sentenza de data 28 febreiro de 2014 e deixa sen efecto a súa sanción por suposta dopaxe devolvendo os méritos deportivos do ciclista de Teo, que obtivo aquel histórico resultado como membro do equipo Xacobeo-Galiza, que acabou desaparecendo pola falta de apoios, por exemplo por parte da Xunta.

Comentarios