1.000 'NÓS DIARIO'

Rubén Blanco: "En Francia callei moito e madurei tanto dentro como fóra do campo"

Rubén Blanco (Mos, 1995) forma parte da historia de 'Nós Diario' por ser a primeira persoa entrevistada no xornal. 1.000 números despois, e desde o seu novo fogar en Marsella, o gardameta volve abrir as portas do seu corazón para debullar os cambios que se produciron no mundo, na súa vida e no fútbol nestes case catro anos.
Screenshot_20231110_234025_Samsung Internet
photo_camera Rubén Blanco posando desde Marsella co primeiro número de 'Nós Diario', xornal do que foi a primeira persoa entrevistada. (Foto: Nós Diario)

—A última vez que falamos vostede e máis eu foi o 1 de xaneiro de 2020, pois un día despois saía ás rúas o primeiro número de Nós Diario. Hoxe, case catro anos máis tarde, publicamos o número 1.000. Cantísimo cambiou o mundo neste tempo...
Si, cambiou todo moitísimo, pero continúa sendo sempre un gusto para min falar con vós, e máis co vínculo especial que creamos por ser entrevistado nese primeiro Nós Diario e que medra agora de novo co número 1.000.

—Tamén a súa carreira, pois entre medias deixou o equipo da súa vida, o Celta, por un histórico do continente europeo como é o Olympique de Marsella.
Asi é. Ao final, na carreira dun futbolista estas cousas suceden. Eu sempre estiven moi a gusto en Vigo, estou súper agradecido, e síntome que son algo repetitivo, porque sempre o digo, pero é a realidade. E agora, loxicamente, tamén estou moi agradecido ao Olympique de Marsella (OM) pola oportunidade de formar parte dun club que, como ben dicías, é un histórico, cunha grandísima afección, que ten moitísima identidade e onde se vive con moitísima paixón o fútbol.

—Na entrevista de hai catro anos falabamos de posíbeis intereses de equipos da Premier League. Que foi o que o determinou a apostar por unha praza tan pouco habitual para os galegos como é o fútbol francés?
Primeiro, o club. Coñezo as súas lendas e, casualidades da vida, teño un amigo de toda a vida que é fan do OM, sempre me falara del e mira, acabou por darse a oportunidade. Tamén influíu na miña decisión a idea de vivir unha experiencia fóra, coñecer outras ligas, outros fútbol... e a verdade é que estou súper contento, porque en canto aterrei dinme de conta de que o equipo era moito máis grande do que imaxinara, e iso que non foi unha decisión fácil, xa que tiña moito arraigo en Vigo, semellante ao que ten o marsellés co Olympique de Marsella.

—A nivel futbolístico, vostede, como xogador, que diferencias ve entre a competición española e francesa? E xa no plano persoal, cambia moito a vida en Marsella con respecto a Vigo?
A nivel futbolístico é moi sinxelo: o físico. Na Liga inflúe moitísimo máis ter balón, ser conservadores con el para atacar e defender... pero aquí hai moito físico, con moitísimas transicións para imprimir velocidade. A verdade é que me sorprendeu para moi ben a Ligue 1, e seguirá medrando e ampliando pouco a pouco a súa base de seguidores fóra de Francia, porque até o de agora a maioría de equipos, cando vían que destacaba un futbolista, vendían, pero agora comezan a retelos e está subindo o nivel. De verdade, animo a todo o mundo a ver o campionato francés, porque os partidos son súper entretidos.

E no referente a ese plano persoal, a principal diferenza é o ritmo de vida, ademais do idioma, porque o francés semella máis similar do que realmente é (ri). Pero Marsella, toda a Costa Azul, é unha zona espectacular na que se vive fantasticamente ben, e o noso estadio, o Vélodrome, é un templo do fútbol que calquera afeccionado debería visitar polo menos unha vez para ver como se vive o fútbol e a paixón que teñen aquí, é algo espectacular.

—Cando comeza a xestarse esa primeira saída do Celta? Ese 7 de marzo de 2021 no que sufre unha lesión no ligamento do xeonllo esquerdo que o aparta dunha titularidade que levaba varios anos ocupando por dereito propio?
Si. Loxicamente, cando se produce esa lesión non o sei, pero visto agora con perspectiva, si, foi a partir de aí. Pasei un verán difícil, e recupereime ben, mais o Chacho [Coudet] confiou en Mati [Dituro], así que decidín centrarme en traballar e seguir medrando, aínda que desde outra posición. Sinto que madurei moito, pese a non xogar case nada, o que, ao final, é o que queremos facer os futbolistas, ademais de, sobre todo, ter a posibilidade de competir por un posto, e ese ano non tiven esa sensación. Así que, desde o respecto a todas as opinións, a primeira a do Chacho, e con grande agradecemento, expúxenlle que cría que o mellor para min era saír e foi aí cando se deu a posibilidade de ir ao OM.

—Alí ten lugar unha situación atípica no mundo do fútbol, pois a pesar de non ser titular indiscutíbel, cada vez que entra o fai ben e calla no equipo, na afección e, dado o seu regreso este verán, xa en propiedade, entendo que tamén o club en vostede.
Todo foi fantástico. Lembro con especial cariño o primeiro mes alí, porque é cando ves todo o que envolve o OM, a súa grandeza, a súa afección, os compañeiros, o presidente, calquera traballador do club... todos me recibiron con moitísimo afecto, tiña a sensación de estar como un neno pequeno, vivindo todo o tempo cousas novas con moita ilusión. 

A partir de aí, como dicías, callei de marabilla. Ese primeiro ano foi brutal a nivel de crecemento e madurez, tanto dentro como fóra do campo, porque foi a miña primeira experiencia persoal afastado da familia. De cara ao futuro, soará a tópico (ri), pero quero seguir medrando, afrontando novos retos como porteiro, estando preparado para xogar cando me toque, e, como persoa, pois acabo de ser pai hai dous meses. Estou encantado da vida.

Un futbolista que se 'molla' no apoio ao deporte feminino

Nunha época na que as futbolistas femininas, como denunciaron as xogadoras da selección estatal logo de estoupar o 'Caso Rubiales', critican a "falta de apoio" dos seus colegas masculinos, Rubén Blanco defínese no seu soporte ao deporte feminino. Coa súa empresa, Rubensa, patrocina o Balonmán O Porriño da máxima categoría, unha acción que el interpreta como "un apoio, un altofalante para axudar".

"Os futbolistas masculinos temos moita sorte, e podemos, desde a nosa posición, nesta época na que está aflorando tantísimo e con tanta calidade o deporte feminino, botar unha man, mais tendo en conta que son elas as que conquistan os seus espazos, eu só achego o meu grao de area como deportista e como compañeiro".

Comentarios