Non chove a gusto de todos no fútbol galego na semana do regreso do 'xogador número 12'

A afección, o xogador número 12, volveu aos campos de fútbol galegos co comezo da Segunda División B nesta pasada fin de semana futbolística con sorte desigual para os conxuntos de país na categoría de bronce. Ademais, o Celta continúa na zona baixa da Primeira logo de caer ante o Atlético, e o Lugo gaña e sae dos postos de descenso.
Riazor (na imaxe) e Balaídos optan a recibir a Copa do Mundo. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Con moitas limitacións, pero a afección puido volver sentar nas bancadas dun campo de fútbol. (Foto: RC Deportivo).

No fútbol, como na vida, nunca chove a gusto de todos. Mais abofé que para as persoas autorizadas para sentar esta pasada fin de semana nas bancadas dos campos de Riazor, A Malata e o Vao non lles importaría que o ceo caese sobre as súas cabezas -ese concepto que atemorizaba Asterix e Obelix- con tal de poder gozar de novo ao vivo do equipo dos seus amores na que, sen dúbida, foi a noticia da xornada no fútbol galego.

A Segunda División B, na que militan Pontevedra, Racing de Ferrol, Deportivo, Celta B, Coruxo e Compostela, beneficiouse da súa consideración de competición non profesional para permitir a volta das espectadoras, que na Coruña foron nin máis nin menos que 3.000, cifra respectábel en tempos de pandemia, pero que palidece ante as 6.666 que autorizou o Goberno cántabro no estadio do Sardinero, en Santander.

Pola contra, na Primeira e na Segunda División, onde militan Celta de Vigo e Club Deportivo Lugo, a presenza de seareiras aínda non está autorizada. Cousas do Executivo español e da outrora coñecida como "a mellor Liga do Mundo".

Cara e cruz tamén nos marcadores de resultados 

O Celta, único representante do país na máxima categoría, sumou ante o Atlético de Madrid de Luís Suárez a súa terceira derrota da tempada, e asómase perigosamente aos postos de descenso. Con todo, as sensacións que transmitiu ante un equipo moi superior en todas as liñas non foron especialmente negativas, aínda que unha nova derrota pode levar á destitución dun Óscar García que xa é o adestrador con peor ratio partidos/vitorias en toda a historia celeste.

Pola súa banda, o Lugo -e permítanme o topicazo- fixo bo o dito de "a adestrador novo, vitoria segura", superando o Castellón no primeiro partido de Mehdi Nafti como técnico albivermello após a destitución de Juanfran.

Na categoría de bronce, o único derbi da xornada caeu do lado do Pontevedra, que se impuxo ao Racing de Ferrol na Malata (2-3). Tamén comezou con vitoria -agónica- o Dépor, ante o Salamanca (2-1), grazas a un gol de Bóveda no minuto 97 nun mal partido do gran favorito ao ascenso. O Coruxo perdeu no Vao co Zamora (0-1), o Compostela co Unionistas (2-0) e o filial do Celta sacou un valioso punto de Guijuelo (0-0). 

Comentarios