CENTENARIO DO CELTA

Un Museo para 100 anos de historia

A efeméride do centenario do Celta de Vigo serviu como catalizadora dun sentimento de orgullo por unha historia que o conxunto celeste tratou de abranguer na súa totalidade nas restauradas instalacións dun Museo que está dividido en catro áreas: Tradición, Afouteza, Orgullo e Corazón.
Paneis estáticos e interactivos -estes os menos- danse a man cos obxectos de colección. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Paneis estáticos e interactivos -estes os menos- danse a man cos obxectos de colección. (Foto: Nós Diario)

Novo himno, partido de lendas, concertos... o Real Club Celta de Vigo está festexando o seu centenario con fastos para todos os gustos, mais unha das que pasaron máis desapercibidas entre o público foi a reapertura do vello Museo de Arte Deportivo, agora denominado Museo Centenario, que está integrado como parte dunha experiencia máis completa coñecido como Tour Balaídos.

A aventura da historia celeste, por suposto, ten prezo. Custa 10 euros para persoas adultas non socias e seis para menores de 15 anos non abonadas. No caso das socias, se teñen entre 5 e 14 anos pagarán catro euros e, con máis desa idade, seis.

O seu punto de inicio está ás portas da única bancada que aínda non foi reformada, a de Gol. Alí, un guía acompañará o grupo até a primeira sala do percorrido, o museo propiamente dito.

Estruturado en catro zonas -Tradición, Afouteza, Orgullo e Corazón-, unha amalgama de recordos abafa os sentidos nada máis entrar. Trofeos como o antigo Campionato da Galiza, o Colombino, o Teresa Herrera ou a Intertoto compiten pola atención coas camisetas das lendas do pasado ou con obxectos de valor incalculábel, como a primeira mesa de xuntas do equipo, datada en 1925, fichas federativas da época ou a enorme maleta que empregaba o club nas súas primeiras xiras americanas.

Despois chega o momento de abandonar o museo para acceder ao céspede de Baláidos, recreando o camiño que facían os futbolistas no antigo túnel de vestiarios. Este foi o momento favorito para unha das visitantes, Elvira Parada, quen sinalou para Nós Diario que é "o mellor de todo" porque "de súpeto, atópaste con todo Balaídos enriba de ti, como se foses un xogador dos de antes".

Alí o Tour Balaídos permite sentar no banco dos suplentes, antes de acceder ao vestiario local, como paso previo a unha experiencia cunhas gafas de realidade virtual que pon á usuaria na pel dun futbolista do Celta en pleno partido e dunha subida ás novas bancadas que desemboca na tenda oficial como fin da visita.

"Pode que moitos digan que un club non pode ter un museo se non ten títulos oficiais, pero a historia dun equipo son moito máis que os trofeos. Son esas pequenas cousiñas que o foron forxando día a día, incluso a crema que usaba Alvarito para curar contracturas", engade Parada.

En conclusión, ten os seus defectos? Ten. As escaleiras fan imposíbel a visita para persoas con mobilidade reducida, o guía fala en perfecto castelán e hai pouca interactividade. Pero, con todo, o Tour Balaídos será de agrado non só do celtismo, senón dos e das amantes da historia con independencia da súa filiación deportiva. 

Comentarios