As estrelas do pasado celebran en Balaídos o centenario celeste

Os rusos Karpin e Mostovoi, grandes ausencias
O goleador bosníaco Vlado Gudelj, actual delegado do Celta, calzará as botas unha vez máis. (Foto: RC Celta).
photo_camera O goleador bosníaco Vlado Gudelj, actual delegado do Celta, calzará as botas unha vez máis. (Foto: RC Celta).

Os fastos do centenario do Real Club Celta de Vigo continúan unha vez superada a efeméride do 23 de agosto, e no día de hoxe Balaídos será escenario dun dos pratos fortes das celebracións.

Trátase dun partido programado ás 21 horas de hoxe que enfrontará un combinado de Lendas Celestes con outro que recibiu a denominación de All Stars International. A directiva olívica informou que o acceso será de balde para todos os socios e socias, mentres que o público en xeral deberá acudir ao despacho de boletos e desembolsar 10 euros.

Con respecto aos futbolistas que se retarán sobre o céspede de Balaídos, o conxunto das lendas celestes estará integrado por un porteiro (Santi Cañizares), cinco defensas (Michel Salgado, Juanfran, Alejo Indias, Patxi Salinas, Jonathan Vila), oito centrocampistas (Mazinho, Gustavo López, Augusto Fernández, Fabián Orellana, Álex López, José Ignacio, Natxo Insa, Canobbio) e nove dianteiros (Haim Revivo, Juan Sánchez, Nolito, Vlado Gudelj, Mido, Bermejo, Dani Abalo, Amarildo, Toni Dovale).

Esta listaxe presenta ausencias moi destacadas. Comparando co once histórico votado recentemente polos lectores e lectoras de Nós Diario, e sen ter en conta o dianteiro Pahíño, que faleceu no ano 2012, non estarán presentes o porteiro Pinto; os defensas Otero -que confesou non ser convidado-, Nacho e Cáceres -aínda que este último está incapacitado para a práctica do fútbol desde que recibira unha bala na cabeza na súa arxentina natal en 2009-; Vicente Álvarez -que, segundo Otero, non recibiu o convite até dous días antes do xogo- e os rusos Karpin e Mostovoi.

Por parte do All Stars International, a portería quedará nas mans do ex madridista Íker Casillas, tendo a zaga tamén un marcado cor branco grazas a outros dous campións do mundo Fabio Cannavaro e Roberto Carlos, que contarán co apoio de Javier Zanetti, Marco Materazzi, Lucio, Diego Lugano e un ex deportivista, Joan Capdevila. No medio do campo, talento con Luís García, Pires, Mendieta, Cambiasso, Guti e Figo, dependendo a sorte do gol de Fernando Morientes e David Trezeguet.

Comentarios