O Mundial de fútbol gaélico de Derry (Irlanda), do que Nós Diario informa diariamente grazas ás crónicas desde o lugar de Millán Brea, integrante da selección galega, tivo na xornada desta terza feira como protagonista principal Galiza e o seu Día da Patria. Non faltaron, pois, as lembranzas a un 25 de xullo que as e os deportistas da Irmandiña masculina e feminina celebraron lonxe da casa.
Os combinados nacionais de Australia, Arxentina, Cambodia, Canadá, Catalunya, Italia e Gran Bretaña enviaron por vídeo un saúdo a todos os galegos e galegas, difundido nas redes sociais da Asociación Galega de Fútbol Gaélico. "Viva Galiza!", dixeron cada un deles, portando a bandeira da patria coa serea de Castelao, que conforma tamén o escudo da selección.
❤️#galiza #galicia #DiaDeGalicia #DiadaPatriaGalega pic.twitter.com/18AGDUvq5q
— Gaélico Galego (@GaelicoGalego) July 25, 2023
A rivalidade fica dentro do terreo de xogo e esquécese unha vez fóra, pois o bo ambiente impera entre os xogadores e xogadoras dos diferentes equipos nacionais. E así o demostraron tamén os integrantes da Irmandiña esta terza feira, xa na tardiña, cando coñeceron os integrantes do clube local O'Donovan Rossa GAC.
Para rematar o día, mesturaron tradicións e compartiron unha muiñeira galaico-irlandesa que amenizou a xornada ás persoas alí presentes. "Disto tamén vai o fútbol gaélico e a súa comunidade", celebrou a Asociación Galega de Gaélico.
Que mellor que acabar un día coma hoxe cunha muiñeira galaico-irlandesa con O'Donovan Rossa GAC.
— Gaélico Galego (@GaelicoGalego) July 25, 2023
Disto tamén vai o #futbolgaelico e a súa comunidade.#FRSGAAWorldGames #Galicia #Galiza #twinning pic.twitter.com/UJ0MTDD3iy
En terras irlandesas, a Irmandiña festexou esta terza feira o seu día sen parar de xogar. Desta vez, partidos duros contra Francia, Australia, Quebec, Arxentina e Iberia.