Segundo día, o día da Matria!
En terras irlandesas, a Irmandiña festexa o seu día sen parar de xogar. Desta vez, partidos duros contra Francia, Australia, Quebec, Arxentina e as amig@s de Iberia, que contan con xogadores e xogadoras do Turonia (Gondomar), Fillas de Breogán (A Coruña), do Independente (Vigo) e Lume de Beltane (Poio). Ao final, no campo queremos gañar, pero o Gaélico danos compañeiras coas que é un pracer "baternos" e competir.
Buf! E xa comezan a doer as pernas. En Galiza, os partidos xogámolos en herba artificial. En Owenbeg, temos unhas instalacións espectaculares da GAA de sete campos, todos de herba natural que, sumado á chuvia, fai que correr pese o dobre. E cantidade de público! Tanto o hurling coma o fútbol gaélico son deportes de referencia. Aquí veñen familias a ver os encontros e pasar a xornada vendo partidos, da igual a Selección...unha auténtica "relixión"!
Pola tarde, rematados os encontros (o último ás 17 horas), tivemos unha xornada de 'irmanamento' con Magherafelt, Moneymore e Kilrea. Viaxe de unha hora para ver un partido da categoría femenina e unha barbacoa de convivio. A hospitalidade das xogadoras e dos club é marabillosa.
Adiante Irmandiña!