MOTOR | Cándido Carrera abre o Mundial de Rally 2023 no lendario Montecarlo

O galego será, de novo, o copiloto de Dani Sordo
Cándido Carrera (esquerda), posa nun podium con Dani Sordo (Foto: Hyundai Motorsport).
photo_camera Cándido Carrera (esquerda), posa nun podium con Dani Sordo (Foto: Hyundai Motorsport).

O Campionato do Mundo de Rally (WRC nas súas siglas en inglés) arranca motores desde o día de hoxe coa súa primeira carreira, que non é outro que o histórico rally de Montecarlo, que se estenderá até o vindeiro domingo, 22 de novembro.

Na súa grella de saída estará, un ano máis, o salvaterrense Cándido Carrera, que por segunda tempada consecutiva exercerá como copiloto de Dani Sordo.

No certame máis antigo do calendario -conformado por 13 carreiras en 2023- , a parella galego-cántabra pilotará de novo o Hyundai i20 N Rally1 Hybrid, que o fabricante coreano agarda que sexa aínda máis competitivo que nun 2022 no que remataron en terceira posición nas tres únicas probas nas que participaron -Portugal, Italia e Grecia-, dando continuidade á positiva xeira de resultados coa que remataran o 2021, pois tamén foron terceiros en España e Monza.

Unha proba sempre dura

Con un posto no podio en mente o dúo encara un itinerario da 91 edición do Rally de Montecarlo que suporá a trixésimo sétima ocasión na que Carrera participe nunha proba do WRC.

O itinerario cobre unha distancia de 325,02 quilómetros con 18 tramos. O sábado será o día máis longo do evento, que consta de seis probas que suman un total de 111,78 quilómetros. O domingo fechará o rally con catro tramos finais.

Nesta ocasión semella que a neve -que xa estivo ausente en 2022- podería volver faltar á súa cita co certame monegasco, pero o xeo promete volver facer dela unha das máis esixentes do calendario, resultando ademais fundamental unha adecuada elección de pneumáticos

Comentarios