Presidente da Federación Aeronáutica

Miguel González: "A prioridade será recuperar clubs e pilotos"

A Federación Aeronáutica Galega ten un proxecto novo. Miguel González Cuesta, técnico do Club Parapente Ferrol, é agora a cara visíbel deste organismo que deixou atrás case 30 anos de goberno de Víctor Maiztegui. O novo equipo está decidido a potenciar os deportes aéreos e  a recuperar licenzas que marcharon fóra.
O novo presidente da federación co seu parapente (Foto: Xulio Villarino).
photo_camera O novo presidente da federación co seu parapente (Foto: Xulio Villarino).

—Como foi a súa chegada ao mundo dos deportes aéreos?
Comecei a voar no 2005 en León, onde vivía. Viña do mundo da montaña e estaba moi activa a idea de subir a pé e baixar planeando. Chamoume sempre a atención e contactei cunha escola na que estaba apuntado un compañeiro meu e animeime. Acabei en Ferrol por motivos laborais e os primeiros anos continuaba voando todas as fins de semana nas súas zonas habituais de León. Rematei por coñecer compañeiras e compañeiros de afección e pasei a practicar este deporte na Galiza.  

—Cales foron os motivos polos que se decidiu a formar parte dunha candidatura que mudara a federación?
Foi unha decisión colectiva que se traballou durante anos. Oito meses antes de que se realizasen as eleccións vimos unha posibilidade mais ninguén daba o paso e por ese motivo decidín presentar a miña candidatura. 

Viñamos dunha presidencia na federación que levaba máis de vinte e cinco anos. O que se fixo nese período foi fechar este deporte e limitar o seu acceso. Prexudicaba aos que estabamos e non deixaba acceder novos practicantes das modalidades.

—Como explica esa situación?
O obxectivo da federación é fomentar a competición e o deporte base, polo que ten que servirse dos clubs e dos deportistas. Non era o caso, había caciquismo e interpretábase a federación como unha empresa. Despois, tantos mandatos seguidos por unha mesma persoa fixo que pensase que estaba na súa casa para poder facer o que quixese. Pola contra, tiña que servir aos clubs. Había problemas para competir e se faciamos podio invalidaba a competición. Foron moitas as decisións que fixeron que ao final decidiramos intervir. 

—A federación conta con modalidades de deportes aéreos ben diferentes. Será difícil ter conta de todos eles?
Certo, temos unhas once modalidades. Podemos falar daqueles que se practican desde a terra, como é o caso do aeromodelismo. Despois están os de aire, como son o parapente, a ala delta ou o paracaidismo. Por último, falariamos dos que se realizan voando a motor. Estas últimas son disciplinas bastante baleiras dentro da federación.

Todas compartimos o mesmo espazo. Todo o que voa, sexa dirixido desde terra por un instrumento de voo ou pendurado dunha tea. As persoas que estamos nisto temos a mesma sensación e eu vinme capaz de estar neste proxecto de mudar a federación.

—Como definiría a situación actual que atravesan os deportes aéreos na Galiza?
Temos unhas 350 licenzas entre todos os deportes. Unhas 60 son de parapente, mais cando entramos había 30. Temos moito talento mais coa situación que había moitas e moitos pilotos tiveron que federar fóra para poder competir aquí ou a nivel internacional. A partir de agora unha das prioridades será recuperar clubs e pilotos. Este ano non será, por ter as licenzas xa concedidas, mais queremos que volvan á galega aqueles deportistas que o desexen. Daquela teremos un nivel de voo moi grande pola experiencia que adquiriron durante estes anos. 

—Reactivaranse os eventos de aeronáutica?
Nun principio a federación non é quen organiza os eventos. A nosa función é facilitar que os clubs poidan realizalos. Por exemplo, o Campionato Galego de Parapente Cross que será en agosto, despois de vinte anos sen realizarse. Foi algo improvisado por entrar na federación co ano comezado e cun calendario prolongado do ano anterior mais encaixámolo e o Club Parapente Baltar será o organizador.  

Comentarios