Cita coa aeronáutica en Castro de Rei

O mundo galego da aeronáutica recupera unha das súas probas máis tradicionais: a Volta Galaico-Portuguesa. O Real Aeroclub de Lugo volve organizala xunto co seu Criterium entre o 22 e o 24 de xullo no aeródromo de Rozas (Castro de Rei). Alén da competición deportiva, o evento facilitará o acceso do público a varias actividades aéreas.
A saída da Volta Aérea Galego-Portuguesa na súa anterior edición en 2019, previa á pandemia (Foto: Real Aeroclub de Lugo).
photo_camera A saída da Volta Aérea Galego-Portuguesa na súa anterior edición en 2019, previa á pandemia (Foto: Real Aeroclub de Lugo).

O deporte aéreo galego vivirá a súa gran festa anual os vindeiros 22, 23 e 24 de xullo no aeródromo de Rozas (Castro de Rei). O Real Aeroclub de Lugo organizará nesas datas, recuperando a normalidade que non tivo os dous anos anteriores pola pandemia, a Volta Aérea Galaico-Portuguesa e o Criterium Aeronáutico da Galiza, un evento que conta con quince anos de historia. 

O responsábel da organización, membro do Aeroclub e piloto, Fran Abelleira, recoñece que este tipo de eventos "son moi complicados de restituír despois dun paro como o que tivemos" mais confía en que o público "responda como noutras edicións".

A proba deportiva alcanza este ano a súa edición número 37, e será, como outros anos, un tradicional rallye aéreo onde as e os pilotos que queiran participar poderán medir as súas habilidades aos mandos das súas aeronaves. 

A tradicional Volta Galaico-Portuguesa

"Comezou como unha reunión de amizade entre practicantes da Galiza e Portugal, por iso o seu nome de Volta Galaico-Portuguesa, e co tempo pasou a ser unha proba deportiva", explica a Nós Diario Abelleira. O seu funcionamento é moi semellante ao doutras competicións que se realizan no Estado español e desenvolverase na modalidade coñecida como Air Navigation Race (ANR). 

"É un rallye aéreo mais non é de velocidade, como acontece nos de coches, consiste en seguir un rutómetro que se lle entrega a cada participante e que hai que seguir sen sistemas modernos e a unha determinada velocidade", sinala o tamén piloto de aviación lucense. O seguimento é visual para facilitar ir mudando de rumbo e poder pasar por unhas zonas de control, denominadas portas, nun momento determinado da competición.

"Ao remate, no lugar en que sinalan para aterrar, fan algunhas probas de aterraxe de precisión polo que ao final, esta competición combina navegación e tomas de precisión", conclúe. 

A proba galega está incluída no calendario deportivo de 2022 da Comisión Técnica Nacional de Voo con Motor (Ctnvcm), aprobada no seu momento pola Real Federación Aeronáutica Española, unha característica que, desde a organización, cren que facilitou a chegada desde o inicio de tripulacións e aeronaves de toda a península ibérica. 

Promocionar a aeronáutica galega

O carácter divulgativo aeronáutico nace coa organización do Criterium Aeronáutico da Galiza fai quince anos. Este evento consolidouse como un dos encontros aéreos máis importantes no panorama estatal, permitindo ao público iniciarse no mundo aeronáutico a través da participación nas distintas actividades ou  visitando as múltiples exposicións.

En edicións anteriores pasaron polo aeródromo de Rozas máis de 150 aeronaves nunha soa fin de semana, tanto de afeccionadas e afeccionados como da volta ao Estado español de ultralixeiros, o Campionato Galaico-Duriense ou o Campionato de España de voo con motor. Unha das actividades con máis acollida é o salto en paracaídas, "unhas 100 persoas cada fin de semana", apunta Abelleira. Trátase dun salto en tándem, cunha caída libre a máis de 200 km/h desde unha altura de algo máis de 3.000 metros, para logo abrir o paracaídas, controlado en todo momento por unha ou un piloto profesional con experiencia. 

Outra das actividades é o voo nun avión acrobático. Poderá vivir unha experiencia única a bordo dun IAC-52 da Patrulla Acrobática Jacob 52, única de carácter civil existente no Estado español. Por último haberá, para o público menos atrevido,  voos de introdución e varias exposicións sobre avións non tripulados, aeronaves históricas e equipos das empresas do polo tecnolóxico e industrial de Rozas (Castro de Rei).. 

Alén diso, o público que asista terá a súa disposición un simulador de voo profesional, varias mostras de aeromodelismo e poderá asistir á presentación de varios proxectos aeronáuticos do ciclo de Aeromecánica do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) das Mercedes, entre os cales destaca a construción dunha aeronave 100% eléctrica.

Comentarios