A aeronáutica engala na Galiza

Galiza está situada na pista nunha posición de privilexio para que engale o sector aeronáutico. A aposta hai unha década de auxiliares do metal en abrirse a este mercado, o impulso do centro de investigación de Rozas para aeronaves non tripuladas e o pulo na formación neste eido en universidades como a de Vigo son os motores deste despegue. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 359 do semanario en papel Sermos Galiza.
photo_camera

M_4_DuplaEconomiaOs dados que manexan os ‘gurús’ económicos auguran un ‘maná’ no sector aeronáutico: nas vindeiras dúas décadas a frota mundial de avións duplicarase até chegar case a 50.000 unidades. Os UVIs (aeronaves non tripuladas, os drons) xerarán un negocio na próxima década de máis de 70.000 millóns de euros, unha cifra que se actualiza á alza cada vez que se coñece unha nova potencialidade ou función para estes aparatos.

Os cálculos do propio Estado español son que aquí se pasará de 4200 UVIs en activo a máis de 50.000 antes de 2050. Así pois, o aeronáutico é un dos sectores económicos cun futuro máis gorentoso ao tempo que xa no presente é unha actividade que, como salientan desde o Consorcio Aeronáutico Galego (CAG), creado en 2007, é xerme dun grande impacto económico e social: fabrica produtos de alto valor engadido, xera emprego cualificado…

Galiza ten boas cartas na man para despegar neste sector, un dos que se cre, co das novas enerxías, que máis vai crecer nos próximos anos. Actualmente representa 1200 empregos e desde o CAG agardan fechar o ano chegando aos 1400. Hai sete anos os postos de traballo que representaba este sector era 300. A facturación o ano pasado superou os 130 millóns de euros, un lixeiro aumento do 2% respecto do exercicio anterior. Mais o ritmo de crecemento, consideran no Consorcio, vai ir a máis.

Hai unha década parte da rede de auxiliares do sector do metal aproveitou a súa experiencia e know‑how (saber facer) para procurar novos nichos nos que operar ante as turbulencias de clientes clásicos como o naval ou metalurxia. Nestes anos, a industria do metal galega púxose a facer trens de aterraxe, pezas para motores Boeing, portas… para a industria aeronáutica.

Os cinco maiores construtores aeronáuticos do mundo son o consorcio europeo Airbus, a estadounidense Boeing, Embraer (Portugal), Bombardier (Canadá) e o xigante estatal chinés Comac. Algúns deles teñen na Galiza subministradores de pezas e compoñentes, nunha interacción que cada vez vai a máis. Airbus, por exemplo, gasta case 2000 millóns de euros anuais en contratos para subministros de compoñentes en diferentes países, entre eles Galiza.

[Podes ler a información íntegra no número 359 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios