Fútbol

O Memorial Arsenio Iglesias pon a proba o novo Deportivo

Lionel Scaloni estará no coliseo branquiazul.
O campión do mundo recibirá unha homenaxe na que foi a súa casa entre 1997 e 2006. (Foto: Robert Michael / DPA)
photo_camera O campión do mundo recibirá unha homenaxe na que foi a súa casa entre 1997 e 2006. (Foto: Robert Michael / DPA)

A pretempada continúa subindo de intensidade, e o novo Real Club Deportivo da Coruña xurdido da crise posterior após perder o ascenso en Castellón que levou á dimisión da directiva en bloque e á destitución de Rubén De la Barrera pon a proba as súas forzas esta terza feira ante o Atlético Arteixo, conxunto que milita na Terceira Federación.

Os branquiazuis colisionarán contra os seus veciños ás 18 horas da tarde en Riazor co gallo do Memorial Arsenio Iglesias, que lembrará o desaparecido técnico -falecido o pasado 5 de maio- e no que un membro da súa familia será o encargado de realizar o saque de honra.

Alí Imanol Idiakez, sucesor de De la Barrera á fronte do barco deportivista, continuará tratando de encaixar as pezas dun barco deportivista que tivo o seu primeiro escenario competitivo a pasada fin de semana, empatando co Fabril (2-2). Un dos mellores nese choque foi unha das súas máis flamantes incorporacións, David Álvarez, 'Davo', quen foi presentado como xogador do Deportivo no día de onte.

O polivalente atacante asturiano manifestou ser "consciente da esixencia" que supón defender a branquiazul, así como o seu desexo de saltar por primeira vez ao céspede de Riazor no compromiso de hoxe nun Memorial Arsenio Iglesias que terá un convidado de honra: Lionel Scaloni. 

O ex futbolista do Dépor e adestrador campión do mundo coa selección arxentina masculina en 2022 estará no coliseo branquiazul, e tamén recibirá unha homenaxe durante o partido contra o Arteixo, xusto antes de desprazarse até a Praza de María Pita para protagonizar un dos pregóns máis agardados dos últimos tempos.

Tanto é así que o Concello herculino vén de confirmar que retransmitirá por streaming o seu discurso -con comezo previsto ás 21 horas da noite- e que instalará pantallas xigantes diante do Consistorio, na Praza de María Pita, para que a xente non perda as palabras dun home "moi querido" que "formou parte dalgunha das páxinas máis gloriosas da historia do Dépor".

Comentarios