A Galiza chora Arsenio Iglesias

Falece aos 92 anos unha lenda do Deportivo e o fútbol galego. 
O legado do desaparecido preparador non se mide en títulos nin en vitorias, senón na pegada que deixou nos seus semellantes. (Foto: RC Deportivo)
photo_camera O legado do desaparecido preparador non se mide en títulos nin en vitorias, senón na pegada que deixou nos seus semellantes. (Foto: RC Deportivo)

Morreu Arsenio Iglesias. O lendario adestrador do Deportivo e a selección galega deixou este mundo na Coruña aos 92 anos de idade, levando con el unha parte non pequena do corazón de varias xeracións de amantes do fútbol non só na cidade herculina, senón da Galiza enteira.

Dixo unha vez alá polos anos 90 Arsenio Iglesias, Pardo de segundo apelido, que no fútbol "aparece multiplicado o mellor e o peor que hai na vida". Esa aseveración tornou esta sexta feira en axioma cando milleiros de persoas, equipos e institucións choraron xuntas no adeus a un home que, demostrando unhas dotes premonitorias propias do seu alcume de bruxo -do que el renegaba, igual que do de raposo-, viu desde alá onde estea agora como se cumpría a profecía que fixo cando foi apartado do cargo de adestrador do Deportivo por última vez, en 1995: "O que quero é que ninguén me maldiga".

Porque, de forma practicamente inusitada nunha disciplina tan polarizante como é o fútbol, nas innumerábeis reaccións á súa morte resulta imposíbel atopar unha soa mala palabra sobre un home que representaba a antítese de todos os vicios e defectos que na actualidade se asocian co "fútbol moderno".

Por iso, escenas como os tributos florais ante o seu busto nas Escravas, as peticións para que o Municipal de Riazor pase a levar o seu nome ou as mostras de dor e cariño que os seareiros e seareiras protagonizarán hoxe ante o seu féretro, instalado nun coliseo branquiazul que abrirá as súas portas para que poidan darlle o último adeus, de seguro provocarían en Arsenio ese característico aceno de incomodidade que o seu rostro reflectía cando se sentía o centro de atención, recoñecendo que non era "nada amigo" das homenaxes.

Quen escribe estas liñas non ten a certeza de que alguén vaia declamar en Riazor aquilo de "Ai, Arsenio, adeus / Ai, Arsenio, por Deus, non te vaias / Quédate con nós", que lle cantaron na ateigada praza de Catro Camiños cando o Dépor festexaba a consecución da Copa do Rei, o primeiro título da súa historia.

O que si é seguro é que no velorio -que orixinariamente ía abrirse esta sexta feira ás 15 horas, pero que tivo que adiarse por unha cuestión de "permisos sanitarios", como confirmou un dos seus fillos- sentirase a presenza dos Riazor Blues, cos que mantivo unha conexión avó-netos, elevándoo á categoría de ídolo e defendéndoo cos seus cantos ("Hai un home en Riazor, que todos tratan como un cabrón...") dos asubíos e os apupos que o preparador arteixán escoitaba todos os domingos desde a aburguesada bancada de tribuna.  

Tres lustros como futbolista en activo

No momento daquel doloroso adeus ao Deportivo despois de gañar a Copa do 95, marcado por unha guerra fría cun Augusto César Lendoiro que desexaba un cambio no banco e que trouxo para substituílo á súa antítese futbolística e persoal, o histrión galés John Benjamin Toshack, Arsenio Iglesias era xa todo un veterano de 64 anos de idade.

Pero antes de adestrador foi xogador, debutando co primeiro equipo do Deportivo o 28 de outubro de 1951 nun choque  co Barça que perdeu por (6-1).

Ese inicio complicado non condicionou unha traxectoria brillante, sendo parte fundamental dun Dépor que logrou manter a praza na Primeira División de forma ininterrompida até 1957. Entre medias, formou parte da que até ese momento foi a maior conquista na historia do club, un Trofeo Teresa Herrera que por aquel entón tiña o prestixio dun título oficial e no que participaba por vez primeira un Deportivo que se impuxo ao Athletic de Bilbao.

Logo do descenso deixou o equipo da súa vida para xogar no Sevilla durante a tempada 1957/58, abandonando o conxunto hispalense ante a ausencia de oportunidades para recalar no Granada (1958-64), onde recuperou a importancia perdida. Finalmente, asinou polo Oviedo, onde militou no bienio 63-65 para colgar despois as botas definitivamente.

Un mito nos bancos de Alacante e A Coruña

"Nunca tiven éxito", chegou a dicir de si mesmo o Arsenio Iglesias adestrador, unha afirmación da que hai milleiros de persoas que discrepan, especialmente na Coruña e en Alacante.

Tras un inicio no fútbol base coruñés substituíu Roque Olsen á fronte do Real Club Deportivo na tempada 1970-71, logrando o ascenso á máxima categoría. Mantivo o posto na elite na seguinte campaña, descendendo na 72-73, a última dos herculinos na elite en case 20 anos.

Necesitado dun cambio de aires, aceptou a oferta do Hércules, subindo na 73/74 e marchando en 1977 co equipo en Primeira, razón pola que aínda hoxe é considerado un mito en Alacante.

Zaragoza, Burgos, Elxe e Almería foron os seus clubs até o seu regreso a casa en 1982, ao Deportivo, iniciando un camiño xa máis coñecido e que se estendeu até 1995. Porén, a súa última -e axitada aventura- nun equipo foi no Real Madrid, que recorreu aos seus servizos a comezos de 1996 para tratar, sen éxito, de enderezar o temón do xigante branco na tempada máis convulsa da súa historia. 

Unha década despois, en 2005, volveu enfundar o chándal para facer equipo con Fernando Vázquez e dirixir aquela selección galega renacida en pleno Nadal, engrandecendo aínda máis unha figura que, se até hai dous días tiña a consideración de heroe, agora ascende ao Olimpo das lendas do fútbol.

O mundo do fútbol recorda Arsenio no día do seu pasamento

As reaccións ao falecemento dunha figura do nivel de Arsenio Iglesias non se fixeron agardar. O propio Deportivo da Coruña, a Xunta, a Federación Galega de fútbol e a súa homóloga estatal, ou lendas como Bebeto e Mauro Silva empregaron as redes sociais para expresar as súas condolencias. Unha desas estrelas do Súper Dépor de Arsenio, Adolfo Aldana, lembrou para Nós Diario a figura dun home "prudente e humilde" que supuxo un "antes e un despois" na súa carreira, acomodándoo nunha nova posición na que viviu unha segunda xuventude.

Naquela época gloriosa dos primeiros 90 os derbis eran de alto voltaxe, e un celeste, Xurxo Otero -que estivo ás súas ordes na selección galega-, tamén expresa neste xornal verbas de cariño para o defunto adestrador: "Era extraordinario, respectuoso, e unha magnífica persoa que sabía pór calma nuns derbis nos que ás veces se elevaba demasiado".

Con moito amor se expresou tamén Xurxo Souto, duns Diplomáticos de Monte Alto que dedicaron a Arsenio "todos os discos", ademais do tema Oda a Arsenio: "Tiña un gran vínculo coa súa comunidade, nomeadamente coa xente nova, cos seus nenos, como nos chamaba sempre".   
 

Comentarios