Martín Liste sobe a 145 kg o récord en arrancada no Campionato Galego

O Club Halterofilia Coruña foi o gran dominador nas categorías júnior e absoluta da competición disputada a pasada fin de semana en Tordoia (Ordes).
halterofilia_tordoias_fgh
photo_camera Algúns dos campións galegos subidos sobre o podio de Tordoia (FGH)

O Club Halterofilia Coruña foi o gran dominador dos campionatos galegos júnior e absoluto que se disputaron a pasada fin de semana en Tordoia (Ordes). Martín Liste, que competía na casa diante dos seus paisanos, conseguiu bater o récord galego absoluto en arrancada, subíndoo de 142 a 145 kg. Na segunda quenda levantou 170 kg para un total final de 315 kg.

A júnior Irene Blanco, competindo en categoría absoluta de 87 kg, tamén brillou e revalidou a medalla de ouro. Víctor Castro, en 67 kg, sumou 364,373 puntos Sinclair e converteuse no campión absoluto da cita.

Outros dos grandes nomes da competición foron Jaime Fernández, que ademais do ouro júnior na categoría de 67 kg, tamén foi o mellor entre os da súa idade no total; e Jennifer Tocuyo (49 kg), Vega García (55 kg), Dariana Arancibia (59 kg) e Paula Canedo (76 kg), que subiron todos ao máis alto do podio. Alberto Rodríguez (73 kg), do Sulyos, e Amy Avelleira, do CH Vigo, foron os únicos campións júnior que non pertencían ao CH Coruña.

Dominio tamén do CH Coruña na categoría absoluta cos triunfos de Michael Otero (55 kg); Víctor Castro (67 kg); Carlos Castro (81 kg); David Mata (89 kg); Martín Liste (96 kg); Odette Alonso (49 kg). 

O cadro de campións completárono Iván Ramírez (73 kg), do CH Pabellón; Alba Itzier (45 kg), do CH Sulyos; Eva Carrera (55 kg), do CH Pabellón; Nathalia Paz (59 kg), do Norte; e Teresa Somoza (71 kg), do CH Vigo.

Novos retos

Tras a disputa do Campionato Galego, o actual referente da halterofilia galega, Martín Liste, xa ten o pensamento nas vindeiras competicións, o campionato estatal e a Copa do Rei.

Segundo sinalaba a Nós Diario a semana pasada, coa pandemia da Covid tomou a decisión de continuar adestrando na casa. "Montei un ximnasio coa axuda das amizades e de cando en vez vou a Compostela e á Coruña", explicaba. "Estou en boa forma", dicía, confiado en que batería algunha marca como así acabou acontecendo. 

Comentarios