sábado 26/09/20

A halterofilia galega retoma a competición en Tordoia

A pandemia da Covid-19 tamén afecta a deportes como a halterofilia que, malia non ser de contacto e practicarse de maneira individual, sufriu a cancelación de todas as súas competicións nacionais e internacionais. Agora, na Galiza, volven cunha primeira cita en Tordoia e as seguintes na Coruña.
O deportista Martín Liste (Nós Diario)
O deportista Martín Liste (Nós Diario)

A Federación Galega de Halterofilia retoma o día 19 de setembro, após un parada forzada pola situación creada pola pandemia da Covid-19, as súas competicións co campionato galego xunior, absoluto e as series de clasificacións para a Copa do Rei e a Raíña de clubes a nivel estatal. Cunha directiva renovada a finais de 2018, este organismo conseguiu aumentar o interese por un deporte que xa deu grandes alegrías á afección. Con case 500 licenzas, é unha das disciplinas con máis presenza feminina. Á fronte está José Manuel Tubío, que conseguiu "modernizar" a imaxe deste deporte, unha das súas promesas cando chegou ao cargo. "Temos xente nova con moitas e boas ideas, era o momento de cambiar, despois de trinta anos de inmobilismo", explica a Nós Diario Tubio.  

Promoción e visibilización a través das redes sociais conseguiron aumentar o número de clubes que de seis activos pasaron a ser doce. "En Lugo nunca houbo un clubes desde que se fundou a federación en 1962 e este ano formaranse dous", sinala. Ademais incorporarán a partir de agora retransmisións en directo a través de streaming das competicións que realizará Salitre Audiovisuais, comezando polo  primeiro campionato que acollerá o concello de Tordoia. 

A pandemia na halterofilia

A pandemia fixo que se suspenderan todos os campionatos, mesmo a nivel internacional. "Tíñamos que comezar as competicións en abril e tivemos que pospoñelas, agora retomaremos co campionato de Tordoia", explica Tubio. Para o mes de outubro organizarán un campionato estatal xunior (16 ao 18 na Coruña) e en novembro o estatal absoluto (13 ao 15 na Coruña). No mes de decembro, tamén na Coruña, organizarán a copa do Rei e a Raíña. Nesta competición o Clube Halterofilia Coruña podería quedarse a copa en propiedade se gaña, posto que sería o seu sexto título. 

"Nós temos a sorte que somos un deporte individual, non temos contacto con ninguén e o material pódese empregar de maneira independente", indica Tubío, "é unha situación de privilexio nesta pandemia que nos tocou vivir", engade. Desde a federación agardan que deportistas como Irene Branco, Irene Martínez ou Víctor Castro dean moitas alegrías en vindeiras competicións. En 2021, en principio ano olímpico, teñen a ollada posta nas posibilidades do deportista Víctor Castro. Ademais no centro de alto rendemento Blume de Madrid comezarán cinco deportistas xuvenís con moito futuro. 

A Coruña, capital mundial

Faltan tres anos, mais xa se traballa desde a federación galega, a estatal e o concello para converter A Coruña na capital mundial da halterofilia. A candidatura para acoller esta competición internacional en 2023 tivo o visto bo do presidente da Real Federación Española de Halterofilia, Constantino Iglesias, da Federación Galega, José Manuel Tubío Cutrín, e da alcaldesa Inés Rey. A proposta da candidatura terá que pasar polo Campionato do Mundo sub-17 que terá lugar en Lima (Perú) do 11 ao 18 de novembro. 

En caso de ser elixida como sede do Mundial, A Coruña sería a primeira cidade no Estado español en conseguir albergar un campionato deste calibre. Ademais, recibiría unha importante participación de figuras de primeiro nivel na halterofilia mundial por pasar a ser unha competición que permitiría clasificarse para os seguintes xogos olímpicos, que terían lugar en París en 2023.

Martín Liste a por nota competindo na casa

"Estarei máis arroupado polas amizades e pola familia", admite a Nós Diario Martín Liste, unha das promesas da halterofilia galega que participará no campionato de Tordoia, o seu concello natal, "é unha motivación extra á hora de competir". Coa pandemia da Covid-19 tomou a decisión de seguir adestrando desde a casa. "Montei un ximnasio coa axuda das amizades e de cando en vez vou a Compostela e á Coruña", explica. Conta en mellorar marcas, en arrancada e en dous tempos. "Estou en boa forma", asegura. Logo de Tordoia xa ten o pensamento nas vindeiras competicións, o campionato estatal e a Copa do Rei.

comentarios