Marín coroará os mellores equipos de fútbol sala do país o Día das Letras

Ourense-Poio e Noia-O Parrulo xogaranse os títulos.
O Burela non estará na final. (Foto: Futgal).
photo_camera O Burela non estará na final. (Foto: Futgal)

Todo listo para que o Pavillón da Raña, en Marín, acolla o próximo Días das Letras Galegas, 17 de maio, as finalísimas masculina e feminina da edición número 30 da Copa Galiza de Fútbol Sala.

Non obstante, desde a Real Federación Galega de Fútbol (RFEG) aínda non confirmaron os horarios oficiais de ambos os encontros, pois estes dependen "da retransmisión por televisión". 

Na modalidade feminina enfrontaranse dous bos equipos como Poio Pescamar e Ourense Envialia, terceiro e oitavo clasificado respectivamente na máxima categoría a nivel estatal. Aínda así, a presenza do conxunto ourensán é sorprendente, pois apeou nas semifinais ao todopoderoso Pescados Rubén Burela.

Tras un encontro de ida no que caeron derrotadas por 3-1, as xogadoras da Mariña non foron quen de remontar e asinaron táboas (3-3). No outro lado do cadro, o conxunto poiense eliminou ao Cidade das Burgas (1-2 na ida e 3-2 na volta), impedindo así o duelo fratricida entre dous conxuntos da cidade de Ourense.

No referente aos homes, o Burela tampouco tivo sorte na súa misión de acceder á final, e o único equipo da Galiza na Liga Nacional de Fútbol Sala (LNFS) non puido co campión da Segunda División e próximo membro da LNFS a partir da tempada 2022/23, Noia Portus Apostolo.

Os de Marlon Velasco desfixéronse do seu verdugo do curso pasado tras equilibrar na volta o 5-3 da ida cun 3-1, pero o esforzo foi infrutuoso logo de ser peores na quenda de penaltis.

O seu rival en Marín será O Parrulo Ferrol, que loitará novamente polo título de campión da Galiza tras atropelar O Carballiño sobre o parqué da Malata (9-0), o que unido á súa vitoria na ida (6-4) deixa o global cun indiscutíbel 15-4 favorábel aos da cidade departamental.

Comentarios