Marián Mouriño xa é presidenta do Celta

Sucede o seu pai, Carlos Mouriño, o presidente máis lonxevo da historia do clube.
Marián Mouriño, presidenta do Real Club Celta. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Marián Mouriño, presidenta do Real Club Celta. (Foto: Nós Diario)

A empresaria e filla do até a pasada campaña presidente do Real Club Celta, Marián Mouriño, administradora única do Grupo GES —empresa familiar e máxima accionista do clube vigués—, é a primeira muller en ostentar o cargo nos cen anos de historia celtiña. Segundo vén de confirmar a axencia EFE, accedeu ao cargo o pasado 28 de setembro, cando dimitiu como presidente do Consello de administración Carlos Mouriño, o máis lonxevo (2006-2023), algo que xa era un segredo a voces na cidade. O vindeiro 12 de decembro será proclamada oficialmente na Xunta de Accionistas que ela mesma vén de convocar hoxe.

O nome de Marián Mouriño levaba anos soando como sucesora do seu pai, se ben o seu interese por facerse cargo do clube non se concretou até que se puxo á fronte do ambicioso proxecto Galicia Sports 360 (GS360), a 'macrofactoría' do deporte que o Celta prevé erguer nos montes de Tameiga (Mos) arredor da Cidade Deportiva Afouteza. Un proxecto, porén, atrancado nos tribunais.

Un dos principais desafíos de Marián é a creación dun equipo feminino do Celta, un dos poucos clubes de Primeira División que aínda non conta con esta sección. Mais antes diso, no curto prazo e máis inmediatamente, deberá tomar importantes decisións relacionadas coa deriva do primeiro equipo, aínda en posicións de descenso e co adestrador, Rafa Benítez, empezando a ser cuestionado por algúns sectores da afección malia dispor dun contrato de tres anos.

E, sobre todo, deberá decidir se Luis Campos continúa no clube como asesor deportivo externo, pois o seu labor no último mercado de fichaxes causou malestar dentro e fóra do clube, entendendo que priorizou o seu traballo principal no PSG francés. Tamén deberá atopar un reemplazo a Antonio Chaves, pois tras a súa marcha a dirección xeral ficou descabezada e as súas funcións asumiunas temporalmente ela mesma.

Outra das patacas quentes ten a ver co ámbito político, pois Carlos Mouriño foise distanciando sucesivamente do alcalde de Vigo, Abel Caballero, con sonados enfrontamentos verbais entre ambos os dous a conta, especialmente, do estadio de Balaídos. E deberá gañarse a confianza dunha bancada que nos últimos tempos repetiu, practicamente xornada tras xornada, un berro seguido por cada vez máis xente, particularmente após a marcha de Gabri Veiga a Arabia Saudita: "Mouriño vaite xa".

Comentarios